
Recolleranse as súas singularidades nunha mostra e nunha publicación conmemorativa coa coordinación do profesor Ubaldo Rueda e a implicación do fotógrafo Jesús Madriñán
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, mantivo hoxe a primeira reunión co equipo de traballo do novo proxecto As catedrais educativas de Galicia, co que a Xunta quere poñer en valor o patrimonio histórico, arquitectónico e educativo de 25 centros de ensino senlleiros da nosa Comunidade. Coordinado polo profesor Ubaldo Rueda e coa participación do fotógrafo Jesús Madriñán, a iniciativa verase reflectida nunha exposición itinerante e nunha publicación conmemorativa, entre outras actividades.
Entre outros aspectos, afondarase na historia arquitectónica dos edificios que ocupan estes centros, aspectos históricos, a súa relación coa contorna e os elementos que lles dan a súa singularidade. Tamén se abordarán cuestións como os fitos relevantes e curiosidades na traxectoria destes colexios e institutos ao longo dos anos, así como os estudantes ilustres que se formaron nas súas aulas.
Os centros foron seleccionados pola súa historia académica, pola súa singularidade arquitectónica ou por estar entre os primeiros de Galicia en ser construídos con finalidade educativa. A escolla inclúe os institutos IES Fernando Blanco (Cee), Eusebio da Garda (A Coruña), Salvador de Madariaga (A Coruña), Concepción Arenal (Ferrol), Rosalía de Castro (Santiago de Compostela), San Clemente (Santiago), Xelmírez I (Santiago de Compostela), Lucus Augusti (Lugo), Nosa Sra. Dos Ollos Grandes (Lugo), San Rosendo (Mondoñedo), Celanova-Celso Emilio Ferreiro (Celanova), Otero Pedrayo (Ourense), Universidade Laboral (Ourense), Escolas Proval (Nigrán), Valle-Inclán (Pontevedra), Sánchez Cantón (Pontevedra), Santa Irene (Vigo) e San Tomé de Freixeiro (Vigo).
No caso dos centros integrados de FP, inclúense os centros integrados de Formación Profesional Universidade Laboral (A Coruña), Politécnico de Santiago (Santiago de Compostela), A Granxa (Ponteareas) e Manuel Antonio (Vigo). Seleccionáronse, ademais, a Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón (Lugo), o Conservatorio Superior de Música de Vigo e o Centro de Educación Especial CEE Saladino Cortizo (Vigo)
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.