Wednesday 19 de March de 2025

Trueno actuará no Coliseum o 27 de xuño como única data do noroeste peninsular


As entradas para o concerto poñeranse á venda proximamente

O Coliseum recibirá este ano a unha das grandes figuras do rap e da escena urbana global do momento: o arxentino Trueno. O flamante gañador dun premio Latin Grammy á mellor fusión/interpretación urbana con ‘Tranky Funky’ visitará A Coruña o próximo 27 de xuño no marco da xira mundial de presentación do seu novo disco, ‘El Último Baile’. As entradas para o seu directo sairán á venda proximamente.
“Desde o Goberno de Inés Rey seguimos diferenciándonos a nivel cultural con citas únicas como esta, que será exclusiva no noroeste peninsular”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo. Trueno (Arxentina, 2002) é un dos máximos expoñentes do panorama da música urbana actual a nivel internacional. Talento e autenticidade danse a man desde o barrio da Boca (Bos Aires) para proxectar toda a súa característica enerxía e creatividade ao mundo enteiro. Desde o lanzamento do seu álbum debut, ‘Atrevido’ (2020) -no que se inclúe o coñecido ‘Mamichula’, tema no que colabora Nicki Nickole-, e ata o recente, ‘El Último Baile’ -co que revolucionou as plataformas dixitais sumando máis de 400 millóns de escoitas do seu himno ‘REAL GANGSTA LOVE’-, Trueno experimentou un crecemento imparable: hoxe en día suma case 20 millóns de oíntes mensuais en Spotify.

Nos últimos anos Trueno situouse como unha voz imprescindible do movemento urbano arxentino. O rapero colaborou con figuras como Bizarrap, Duki, J Balvin, Tiago PZK, Nathy Peluso ou Bad Gyal; e a súa conexión co público -tanto arxentino como global- é notable. A mostra máis recente pódese comprobar en España, con dous cheos este mesmo mes de marzo no Movistar Area de Madrid (antigo WiZink Center) e o Sant Jordi Club de Barcelona.

O próximo 27 de xuño, Trueno aterrará no noroeste peninsular. A súa actuación no Coliseum será unha das grandes citas musicais do ano na Coruña e a venda de entradas activarase proximamente a través das plataformas dixitais Ataquilla.com e Ticketmaster.

Deja un comentario