Wednesday 19 de March de 2025

Ponteceso presenta a 5ª edición da Carreira Popular Faro Roncudo


 O 27 de abril celebrarase unha nova edición da proba, que ofrece a oportunidade de desfrutar do atletismo nunha contorna única.
O Concello de Ponteceso anuncia a celebración da 5ª Carreira Popular Faro Roncundo, que terá lugar o vindeiro 27 de abril de 2025 en Corme. A proba, xa consolidada como un referente no calendario deportivo local, dará comezo ás 11:00 horas na Praza da Ribeira, á que os corredores e corredoras terán que percorrer os 6,2 quilómetros de ida e volta ata o faro. As inscricións están abertas ata o 23 de abril ás 23:59 horas a través da páxina web www.carreirasgalegas.com.

A carreira incluirá diferentes categorías para participantes de distintas idades, comezando coas probas de Sub 18 e Sub 16, que percorrerán unha distancia de 2.000 metros a partir das 12:00 horas. Ás 12:10 horas disputarase a carreira das categorías Sub 14 e Sub 12, cun percorrido de 1.000 metros. Para os máis pequenos, a competición Sub 10 terá lugar ás 12:20 horas cunha distancia de 500 metros, e finalmente, a categoría Sub 8 pechará a xornada deportiva ás 12:25 horas cun percorrido de 200 metros.
A concelleira de Deportes, Raquel Fondo, expresou hoxe na presentación da proba -celebrada no salón de plenos do Concello- a súa satisfacción pola celebración desta nova edición: “A Carreira Popular Faro Roncundo é unha oportunidade magnífica para fomentar o deporte e o hábito saudable da actividade física entre todas as idades. Ademais, serve para dar a coñecer o noso fermoso entorno natural e dinamizar a economía local. Convidamos a toda a veciñanza e visitantes a participar e gozar desta xornada deportiva.”

Na presentación tamén estiveron presentes o concelleiro de Seguridade, Servizos e Emerxencias, Juan Ramón Vidal; Rubén Pérez, coordinador de Seguridade e Emerxencias e a técnica do departamento de Deportes, Remedios Varela.

O evento conta coa organización do Concello de Ponteceso e a colaboración da Federación Galega de Atletismo, a Deputación da Coruña e as entidades Abeiro e Allariz Eventos Deportivos.

Deja un comentario