Wednesday 19 de March de 2025

Coruña Marítima invita aos cidadáns a participar nos talleres temáticos para recabar ideas sobre o futuro do porto e da cidade 


Realizaranse os días 25 e 26 de marzo, e o 1, 2 e 3 de abril, e serán abertos a todas as persoas interesadas

Segue aberto o “buzón” de suxestións na web www.corunamaritima.com, onde xa se recibiron máis de 40 propostas construtivas

O proceso de participación de Coruña Marítima continúa coa celebración, a partir da vindeira semana, de cinco talleres temáticos para recabar ideas sobre o futuro do Porto e da cidade. O primeiro celebrarase no Palacio de Exposiciones e Congresos de A Coruña (Palexco) o vindeiro martes 25 de marzo ás 17:00 da tarde, con entrada libre ata completar aforo. Versará sobre “Economía e Innovación”.
O seguinte taller será o mércores 26 de marzo, no centro Hi Coruña, ás 17 horas, e abordará a temática “Mobilidade e transporte”. Despois, os días 1, 2 e 3 de abril, tamén ás 17:00 horas, nestes casos no Palexco, terán lugar os últimos talleres, que tratarán sobre as seguintes áreas: “Equipamento e Usos” (1 de abril), “Actividade Portuaria” (2 de abril) e “Ecoloxía, Medio Ambiente, Auga e Enerxía” (3 de abril).
Ademais de contar coa participación de expertos e entidades especializadas nesas materias, os cinco talleres estarán abertos ao público en xeral. Non é necesario apuntarse previamente.
Desde a Comisión Coruña Marítima (integrada polo Concello da Coruña, Xunta de Galicia, Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible, Puertos del Estado, ADIF e a Autoridade Portuaria), invítase aos cidadáns a seguir participando neste debate, agora coa posibilidade de acudir a estes cinco talleres temáticos

específicos para recabar opinións sobre o que necesitan o porto e a cidade do futuro.
Ademais, segue aberto na web www.corunamaritima.com un “buzón” de suxestións, no que xa se recibiron mais de 40 propostas de todo tipo. Na súa práctica totalidade son achegas de carácter construtivo, nas que se solicita a incorporación de equipamentos sociais, culturais, recreativos ou deportivos, así como melloras na mobilidade, entre outras propostas.
Proceso participativo
Inicialmente, realizouse unha distribución a máis de 900 colectivos, entidades e institucións das Bases Estratéxicas que foron acordadas para a licitación do Máster Plan que definirá o futuro dos espazos do porto interior. Entre os destinatarios figuran asociacións sociais e culturais, colexios profesionais, empresas portuarias, Universidade, institucións públicas, colectivos empresariais, grupos ecoloxistas e fundacións, entre outras entidades. Acompañouse dunha carta da Comisión Coruña Marítima, na que se resumía a situación actual do proxecto e concedíase o prazo dun mes para a presentación de suxestións ou achegas que serán valoradas para a súa posible inclusión no documento definitivo de Bases Estratéxicas.
Con todo iso, prevese convocar a continuación o concurso internacional multidisciplinar para definir o Máster Plan que rexerá a transformación dos espazos portuarios e ferroviarios. Este Máster Plan deberá ser propositivo, flexible e innovador, e expoñer unha visión a medio e longo prazo, contemplando distintos escenarios de desenvolvemento.

Deja un comentario