Wednesday 19 de March de 2025

Neda activa este xoves a preinscrición de novo alumnado da Escola infantil municipal para o curso 2025-2026


O Concello de Neda abre este xoves o prazo de preinscricións para o novo alumnado na escola infantil municipal Os Pelegríns de cara ao curso 2025-2026. As solicitudes, xunto coa documentación complementaria, terán que presentarse no rexistro municipal (ben de forma presencial na Casa Consistorial ben na sede electrónica) ata o 15 de abril.

O servizo socioeducativo, que atende a menores de entre tres meses e tres anos, está situado xunto ao Paseo marítimo de Xuvia, e aposta pola experimentación e o xogo como métodos para facilitar a aprendizaxe. Ademais, mantén a súa aposta pola alimentación saudable, contando con cociña propia.
A escola infantil é, sen dúbida, a principal oferta do Concello de Neda para facilitar á veciñanza a conciliación de vida familiar, persoal e laboral, funciona os doce meses do ano, cun horario que abarca de 8 a 16 horas, ofrecendo as posibilidades de xornada completa, media xornada e xornada reducida, segundo as necesidades dos proxenitores. E un curso máis, volverá ser absolutamente gratuíta para as familias.

O regulamento municipal de Os Pelegríns establece como preferencia que o alumnado estea empadroado en Neda durante o tempo de asistencia na escola. Con todo, poderán anotarse nenos e nenas doutros municipios no caso de que existan vacantes.

Na adxudicación de prazas primarase aos solicitantes con irmán/á cunha praza renovada no centro e ás familias con máis puntos na baremo das circunstancias socioeconómicas. Para máis información pode contactarse cos Servizos Sociais municipais ou coa propia escola, a través do teléfono 682562616.

Deja un comentario