Wednesday 19 de March de 2025

Os grupos do BNG, Compostela Aberta e GM Socialista presentan unha moción conxunta de apoio á mobilización de SOS Sanidade Pública


Os grupos municipais do BNG, Compostela Aberta e GM Socialista acordaron unha moción conxunta, que levarán ao pleno deste mes de marzo, en apoio á nova mobilización convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, o próximo 6 de abril do 2025. A mobilización sairá ás 12 horas dende a Alameda ata a Praza do Obradoiro.

Con esta nova acción, os convocantes queren denunciar a “nula resposta da Xunta de Galicia e da Consellaría de Sanidade ás reivindicacións de incrementar os recursos e mellorar a organización e o funcionamento da atención primaria en Galicia, reactivar e aproveitar plenamente os recursos dos hospitais públicos para afrontar o incremento das listas de agarda, frear a deterioración, o desmantelameno e a privatización de todo o sistema sanitario público galego por parte do PP de Galicia”.

A moción recolle o sentir da alianza social e profesional facendo un chamamento á poboación para que acuda e participe na organización e desenvolvemento da manifestación do día 6 de abril.

SOS Sanidade Pública reclama “máis atención primaria, con centros de saúde e puntos de atención continuada dotados de persoal suficiente de todas as categorías; máis atención hospitalaria, utilizando plenamente os recursos instalado, usándoos de mañá e de tarde; e máis sanidade pública, aplicando fórmulas de xestión do orzamento sanitario público eficaces cara unha mellor estabilidade laboral e redución da temporalidade do persoal sanitario e non sanitario do sistema público”.

Asemade, a plataforma reclama un “plan de saúde mental; recuperar os servizos privatizados e as áreas sanitarias pechadas; e potenciar a saúde pública para combater as posibles epidemias para a saúde”.

Deja un comentario