
A iniciativa coincide coa presentación da campaña “Agora temos 5 contedores” promovida pola Mancomunidade Serra do Barbanza e Ecoembes
O Concello de Lousame vén de poñer en marcha unha campaña informativa municipal para mellorar a reciclaxe en orixe nos fogares e evitar unha mala utilización dos contedores de lixo. Así, o Concello lousamiá distribuirá folletos informativos para dar a coñecer entre a veciñanza servizos dispoñibles como a recollida de enseres ou aparellos eléctricos e electrónicos a domicilio, dous servizos que se prestan de forma gratuíta e baixo demanda a través da Mancomunidade Serra do Barbanza, así como do servizo de recollida de aceite de cociña usado.
Unha iniciativa que coincide no tempo coa campaña “Agora temos 5 contedores”, presentada recentemente por responsables da Mancomunidade Serra do Barbanza e Ecoembes ao concelleiro de Servizos Públicos e Medio Ambiente, Ramón Martínez Rial, e á concelleira de Servizos Sociais e Cultura, Silvia Agrafojo Filgueira. Unha campaña que busca unha separación de residuos máis eficiente coa incorporación do contedor gris para residuos non reciclables e mantendo o amarelo para latas, bricks e envases de plástico; o marrón para residuos orgánicos, o azul para papel e cartón e o verde para envases de vidro.
“Búscase concienciar á cidadanía sobre a correcta separación do lixo coa incorporación dese novo contedor de resto, de cor gris, destinado a residuos que non son envases nin teñen un sistema específico de recollida en Lousame como poden ser os cueiros, máscaras, chupetes, compresas, utensilios de cociña como vaixelas e cubertos, cabichas, biberóns, area para mascotas ou produtos hixiénicos usados, como as toalliñas de papel que tantos problemas causan nos sistemas de saneamento cando se tiran polo retrete”, apunta Agrafojo Filgueira.
Servizos de recollida
E para lembrar os sistemas de recollida dispoñibles no municipio, o Concello de Lousame puxo en marcha estes días unha campaña informativa sobre os distintos servizos de recollida de lixo que a veciñanza ten á súa disposición. “Falamos da recollida de enseres e mobiliario e de aparellos eléctricos e electrónicos, uns residuos que adoitan aparecer en moitos dos vertidos incontrolados que aparecen en case todos os concellos e que en Lousame se poden evitar simplemente cunha chamada de teléfono, xa que temos servizos para a súa recollida sen molestias para a veciñanza”, sinala Ramón Martínez.
Así, o Concello de Lousame dispón dun servizo mensual de recollida de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE) a domicilio todos os segundos luns de cada mes. Unha recollida que inclúe residuos como neveiras, lavadoras, secadoras, fornos, xoguetes eléctricos, televisións, teléfonos, ordenadores, sistemas de son e incluso pequenos restos de obras domésticas. O servizo está dispoñible previa solicitude no teléfono do Concello de Lousame (981 82 04 94) e os refugallos se recollen no propio domicilio do veciño ou veciña.
No caso da recollida de enseres baixo demanda, recóllense mobles, cadeiras, mesas, colchóns, sofás, xoguetes non eléctricos… Un servizo dispoñible dúas veces ao mes e que pode solicitarse chamando ao teléfono 981 19 12 40, no que se informará tamén do día da recollida, estando absolutamente prohibido depositar o lixo antes desa data. Se no caso dos RAEE a recollida era porta a porta, no dos enseres realízase a carón dos contedores do lixo. Ademais, tamén hai a posibilidade de depositalos na propia planta da Mancomunidade Serra do Barbanza, en Servia.
Finalmente, a campaña informativa complétase co reparto duns folletos informativos sobre a recollida de aceite de cociña usado, que se realiza a través de envases plásticos depositados nos contedores dispostos polas distintas parroquias do municipio. Neste caso, o concelleiro de Servizos Públicos e Medio Ambiente lembra que “o vertido de aceites de cociña nos desaugadoiros das vivendas é moi contaminantes e producen atascos nas redes de saneamento, ademais de importantes danos nas depuradoras que, ao final supón uns costes económicos non so para o Concello senón para toda a veciñanza”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.