
O servizo de recollida de lixo está a colocar nos puntos de vertidos ilegais carteis informativos sobre as vantaxes que ten utilizar o punto limpo
Para todo o que non ten cabida no contedor nin na natureza hai espazo no punto limpo. Usalo é de balde. Con esta presentación arrincou neste mes de marzo unha nova campaña da Concellaría de Medio Ambiente e Servizos que ten como finalidade frear o depósito incontrolado de residuos voluminosos, no que se está a notar un repunte nos últimos tempos.
A iniciativa consta de dúas accións principais. Por unha banda, a distribución domiciliaria dun folleto informativo sobre o punto limpo situado no polígono industrial de Bértoa e sobre os diferentes residuos que poden depositarse nel, así como sobre o funcionamento do punto limpo móbil. O primeiro está aberto todos os xoves e sábados, de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 17.00 horas, e o segundo funciona previo aviso no número de teléfono 981 754 917.
Por outro lado, la campaña inclúe a sinalización dos puntos de vertido incontrolado con paneis como os que podes ver nas imaxes, e cos que pretendemos chamar a atención sobre a existencia dun servizo gratuíto de recollida de residuos voluminosos, ademais de informar de que este tipo de accións constitúen unha infracción que pode supoñer sancións de ata 900 euros. Neste sentido, a Concellaría de Medio Ambiente e Servizos conta co apoio da Policía Local, que realizará un seguimento especial.
Os primeiros paneis colocáronse en Bértoa, na estrada de Verdillo, fronte ao colexio de Razo e na rúa Río Miño de Carballo, pero a súa situación irá variando de xeito periódico.
Balance do punto limpo
A xestión dos residuos é un tema preocupante a nivel mundial, dado que cada vez se producen máis. Con respecto aos voluminosos, o ano pasado chegaron ao punto limpo de Bértoa máis de 150.000 quilos de obxectos inservibles, sobre todo procedentes de obras domésticas (escombro e madeira), e 3.000 unidades de electrodomésticos e mobles. Nos dous primeiros meses do 2025, as cifras son as que figuran no cadro anexo.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.