
A Xunta de Goberno local acordou esta mañá a adxudicación de varios contratos de obras: a reparación da cuberta do pavillón municipal do CEIP Quiroga Palacios a INSIDE THE TEAM SL por 337.396 euros; a mellora da accesibilidade no cruzamento das rúas Xeneral Pardiñas e República do Salvador á UTE ARINES OBRAS Y PROYECTOS, S.L e SUCCESS INFRAESTRUCTURAS e SERVICIOS S.A, por 61.352 euros; e a rehabilitación integral do complexo deportivo de Santa Isabel a MISTURAS OBRAS E PROXECTOS SA por 2.633.897 euros. Tamén se adxudicou o contrato das obras de reforma do Centro de Transformación de compañía na rúa Codeseira de Vidán a MONTAJES ELECTRICOS VIZCAINO, SL, por 78.590 euros, e do servizo de vixilancia do Estadio Municipal Verónica Boquete á empresa Servicios SPR Vilanova S.L. por 196.105 euros. Destes e outros asuntos tratados en Xunta de Goberno, deron conta a voceira do Goberno municipal, Míriam Louzao, e a concelleira de Rural, Pilar Lueiro.
Míriam Louzao anunciou a aprobación por parte do executivo municipal da adxudicación á empresa Inside the Team das obras de reparación da cuberta do pavillón municipal do CEIP Quiroga Palacios por unha cifra total de 337.396,58 euros.
A voceira detallou que este intervención arrancará o día despois de que remate o curso escolar e terá unha duración aproximada de dous meses e medio “coa intención de ocupar o mínimo de días do curso seguinte para así ter a menor incidencia no día a día das aulas e o funcionamento da escola”.
A cuberta deste pavillón, cuxa pista que tamén é usada como patio de colexio, presenta unha serie de deficiencias relacionadas coas filtracións de auga pese a previas reparacións parciais. Ademais de solucionar este problema, Louzao detallou que con esta intervención tamén se mellorará o pavimento e os peches laterais da pista, así como as condicións de accesibilidade a este espazo a través da construción dunha rampla lateral que complemente á escaleira. “Seguimos así aproveitando cada obra que facemos para traballar nese obxectivo de conseguir a accesibilidade universal e de eliminar todas esas barreiras arquitectónicas existentes aínda a día de hoxe nalgúns dos edificios municipais”, engadiu.
Ao longo deste curso tamén se abrirá unha porta de emerxencia no propio pavillón para aumentar a súa capacidade, no marco do plan de coordinación entre os Departamentos de Educación, Deportes e Obras para aumentar a capacidade de todos os pavillóns deportivos situados nas escolas.
Cruzamento Xeneral Pardiñas- República do Salvador
A voceira tamén deu conta da adxudicación do contrato para a execución das obras de mellora do cruzamento entre as rúas de Xeneral Pardiñas e de República do Salvador á UTE ‘Arines Obras y Proyectos SL e Success Infraestructuras e Servicios SA’ por un total de 61.352,59 euros e un prazo de execución de catro semanas.
Esta intervención ten como obxectivo o calmado de tráfico e a priorización peonil neste punto, mediante a elevación da plataforma ata o nivel das beirarrúas que permitirá mellorar a accesibilidade nos itinerarios peonís e conseguir que as persoas que conducen extremen a precaución ante os/as viandantes. Ademais, tamén se renovará o alumeado e se reorganizará o mobiliario urbano.
A Xunta de Goberno tamén deu luz verde esta mañá á adxudicación do contrato das obras para a rehabilitación integral do complexo deportivo de Santa Isabel á empresa MISTURAS OBRAS E PROXECTOS SA, por un importe total de 2.633.897,75 euros, un proxecto financiado con fondos Next Generation e cun prazo de execución de 8 meses. A concelleira deu conta que deste tema se dará conta nunha rolda de prensa específica.
O executivo local tamén adxudicou a Francisco Fernández Novás o contrato para o servizo de dirección de execución e coordinación de seguridade e saúde das obras de adecuación do Pazo de Raxoi, por un importe total 53.240 euros. A concelleira avanzou que nos próximos días adxudicarase tamén o proxecto desta actuación para poder comenzala “canto antes”.
Outros contratos
Esta mañá tamén se acordou a adxudicación do contrato das obras para a reforma do Centro de Transformación de compañía na rúa Codeseira de Vidán a Montajes Eléctricos Vizcaíno SL por 78.590,95 euros, e o contrato do servizo de vixilancia do estadio municipal Verónica Boquete de San Lázaro á empresa Servicios SPR Vilanova SL por 196.105,26 euros cunha duración de dous anos.
Convocatoria Premio Xohana Torres 2025
Ademais, coa aprobación das súas bases polo exectivo municipal, o Concello abre desde hoxe o prazo de presentación de obras para a edición 2025 do Premio Xohana Torres de ensaio, investigación e creacións audiovisuais sobre as mulleres na sociedade galega. O prazo permanecerá aberto ata o 30 de decembro de 2025 ás 14 horas.
A esta nova convocatoria pode concorrer calquera persoa física ou agrupacións de persoas sen personalidade xurídica e os traballos deben tratar da participación social e política das mulleres e ter como obxectivo reconstruír a súa memoria histórica. Poden ser ensaios literarios ou científicos, mais tamén pezas audiovisuais sobre as mulleres galegas.
Cada premio, un na modalidade de ensaio e outro na modalidade de creación audiovisual, estarán dotados con 2.500 euros, que cubrirán os dereitos de edición das obras por parte do Servizo de Publicacións da USC. O fallo do premio da edición de 2025, farase público no mes de marzo de 2026 con motivo dos actos conmemorativos do 8 de
marzo.
Outros asuntos
O executivo municipal tamén deu luz verde ao inicio dos trámites para recepcionar as obras do proxecto ‘Centro Integral para a inclusión social” CIPIS e ao expediente de contratación do servizo de deseño e elaboración dun plan de comunicación e sensibilización para o proxecto ‘Entre Sar e Sarela’, que permitirá lanzar un procedemento aberto de adxudicación por 115.914,34 euros.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.