­
Saturday 22 de March de 2025

A XI Festa da Filloa de Abellá reparte máis de 250 menús de filloas, caldo, rixóns e lacón entre os centos de persoas asistentes


A XI Festa da Filloa de Abellá (Frades) foi todo un éxito de participación, onde centos de persoas pasaron ao longo do sábado polo pavillón municipal de Abellá para degustaren un menú composto por 8 filloas e cunca de caldo (que quedaba de agasallo conmemorativo), acompañado por rixóns, lacón e café. E non foron poucos os que repetiron tanto o caldo (2€) como as fillóas (3€), ou que optaron por complementalas con outros alimentos como o queixo, o chourizo ou as rosquillas.

Uns pratos que foron posibles grazas ao labor das e dos filloeiros de Abellá, así como de todas as persoas voluntarias que participaron no evento ao longo de toda a xornada, durante a que se venderon máis de 250 menús. A cantina estivo atendida pola Comisión de Festas de Abellá.

Musicalmente, a festa estivo amenizada polo grupo de gaiteiros “Son da terriña”, da parroquia de Galegos, así como polo Dúo Acherizados e Chocolate Disco Móbil. Actuacións que moitos dos presentes aproveitaron para botar unhas bailas. Pola súa banda, os máis cativos puideron gozar de inchables e divertidos obradoiros.

A XI Festa da Filloa de Abellá foi organizada pola asociación de veciños “Os Labregos de Abellá”, en colaboración co Concello de Frades, a Deputación da Coruña e a Mancomunidade de Municipios de Ordes, ao abeiro do Proxecto Nantronte.

Deja un comentario