Monday 17 de March de 2025

O Concello destina 3 millóns de euros ao Plan de renovación dos Centros Cívicos Municipais 


O plan, dividido en dúas fases, comezará coas intervencións previstas nos centros cívicos de Labañou, San Diego, O Castrillón, Os Rosales e a escalinata de Santa Lucía. As obras sairán a concurso nas vindeiras semanas 

A alcaldesa, Inés Rey, presentou hoxe o novo Plan de renovación dos Centros Cívicos Municipais, unha iniciativa coa que se busca modernizar todas e cada unha das 22 instalacións que hai abertas á cidadanía nos barrios da cidade, dando resposta ás súas necesidades específicas e mellorando as súas infraestruturas e equipamentos. 

Rey, acompañada esta mañá pola concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, e polo concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, informou de que este plan se porá en marcha neste primeiro semestre de ano e que se desenvolverá en dúas fases, que contan cun orzamento total de 3 millóns de euros. 

“Os centros cívicos son espazos fundamentais para os barrios da Coruña, centros de convivencia esenciais no día a día de moitos veciños e veciñas. A rede segue a funcionar cun amplo abano de actividades e segue a ser un referente a nivel nacional. Mais cómpre darlles un novo pulo, rehabilitando aqueles que o precisan e tamén mellorando as súas infraestruturas urbanas, como fixemos, por exemplo, no Birloque”, explicou a rexedora. 

As intervencións da primeira fase licitaranse no primeiro semestre 

A folla de ruta sobre a que traballa o Goberno de Inés Rey é acometer unha primeira fase de intervencións nos centros cívicos de Labañou, San Diego, O Castrillón, Santa Lucía e Os Rosales, que se licitarán na súa totalidade neste primeiro semestre de 2025. 

“Falamos dun investimento conxunto de 1,8 millóns de euros só para esta primeira fase, necesario para a actualización e adaptación dunhas instalacións que nalgúns casos contan con máis de dúas décadas de vida, con todo o que iso implica en materia de conservación e mantemento”, precisou a alcaldesa, que lembrou que na configuración deste plan tamén ten implicación directa o servizo municipal de Edificación, que forma parte da concellaría de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda que dirixe Francisco Díaz Gallego. 

Rey precisou máis polo miúdo o abano de melloras que se executarán en cada instalación na primeira fase do plan, que arrincará no Centro Cívico de Labañou, onde se investirán máis de 700.000 euros para mellorar a súa envolvente e as súas instalacións, con actuacións diversas na cuberta, o seu sistema de iluminación, ventilación e illamentos. 

Tamén haberá melloras no Centro Cívico de San Diego, onde se renovará a súa fachada, se mellorarán os seus sistemas de evacuación e tamén a súa cuberta e interiores, actuacións que contan cun orzamento de máis de 200.000 euros. 

Ademais, no barrio do Castrillón actuarase sobre o centro cívico e a biblioteca, mellorando as cubertas, pavimentos e interiores, tamén renovando as instalacións de climatización na sala infantil. En total, a previsión do Concello é investir máis de 340.000 euros. 

Actuacións como as que se executarán no Castrillón serán semellantes ás que se levarán a cabo no centro cívico e a biblioteca dos Rosales, onde haberá un investimento de 313.000 euros para renovar o sistema de impermeabilización na cuberta do edificio, entre outras melloras. 

E, por último, nesta primeira fase tamén se actuará sobre o centro cívico da escalinata de Santa Lucía, onde se acometerán melloras de impermeabilización e nas instalacións eléctricas e contraincendios, ademais doutras actuacións no local social veciñal, por valor de 150.000 euros. 

Rey apuntou que a segunda fase do Plan de renovación dos Centros Cívicos Municipais suma un orzamento de máis de 1,2 millóns de euros “e porase en marcha unha vez que finalicemos a primeira, xa que cada centro cívico e equipamento social municipal ten o seu tempo, as súas necesidades e, en consecuencia, as súas urxencias específicas. Iremos, paso a paso, dando resposta e solución a todas e cada unha delas”. 

Hoxe arrinca o programa municipal Maiores en Plena Forma 2025 

Ao fío das intervencións previstas nos centros cívicos municipais, a alcaldesa lembrou este luns que hoxe arrinca a nova edición do programa municipal Maiores en Plena Forma 2025, unha iniciativa pensada para potenciar o benestar, a saúde e a integración activa das persoas en idades máis avanzadas mediante unha oferta variada de actividades. 

A programación desenvolverase ata a última semana de maio e ábrese un abano de actividades que inclúen ximnasia, ioga, mindfulness, obradoiros temáticos e visitas culturais. 

O programa estase levando a cabo entre os diversos centros cívicos municipais –entre eles A Silva, Artesáns, O Castrillón, Castro de Elviña, Cidade Vella, Eirís, Elviña, Feáns, Labañou, Os Mallos, Mesoiro, Monelos, Monte Alto, Novoboandanza, Palavea, Pescadores, Os Rosales, Sagrada Familia, San Diego, San Pedro de Visma, Santa Lucía e Santa Margarida–, e permítelles ás persoas participantes escoller a opción que mellor se adapte ás súas necesidades e interese.

Deja un comentario