Monday 17 de March de 2025

“Memoria Oleira”, nova denominación para os grupos de maiores que recuperan a pegada do barro no municipio


O grupo naceu no seo do grupo “Cociña e Barro” que viña funcionando desde 2018 como proxecto socio-educativo de participación entre as persoas maiores dos talleres de memoria do programa municipal de envellecemento activo que se desenvolven no Museo Os Oleiros.

A memoria foi durante estes anos a columna vertebral do programa, que se materializou na recuperación da historia das telleiras de Oleiros e a súa divulgación a través de actividades interxeracionais nas escolas, de algunhas pezas de barro para o museo, un extenso programa de excursionismo e sendeirismo por Galicia para coñecer os “Outros Oleiros”.

Tamén se dedicaron ao ámbito máis doméstico como a recuperación de receitas tradicionais elaboradas en barro, de historias vividas por persoas que traballaron co barro en Oleiros, como feirantes ou telleiros e a programas máis culturais como obradoiros de aprendizaxe nas diferentes técnicas de traballo co barro, a edición dun libro de receitas de cociña elaboradas con pezas de barro ou unha xornada de demostración de cociña en vivo no 30 aniversario de Alfaroleiros.

Máis adiante achegáronse ás herbas e plantas a través da actividade “A pegada da natureza” na que traballan coas escolas de Oleiros, divulgando entre escolares a elaboración de pezas de barro usando herbas.

O cambio de nome do grupo obedece a ampliar coñecementos e traballo, que se reflicte na oferta de obradoiros para este ano, con temáticas como as candeas, regamacetas, soportes para móbil, esmaltado, papel reciclado e herbas ou cianotipos, ademais de magosto e obradoiro de Nadal.

Arranca así a xeira de actividades que vinculan as actividades de maiores co Museo Os Oleiros e as convivencias co alumnado de colexios para a difusión da cultura oleira, así como o percorrido pola memoria viva das persoas que axuden a identificar fitos relacionados co barro, como tendas que vendían obxectos deste material.

Deja un comentario