Monday 17 de March de 2025

Paderne, preocupado polo risco de peche das súas escolas unitarias: “Precisamos nenos e nenas”


 O executivo local alerta da ameaza que supón a baixa matriculación para o vindeiro curso escolar

 O período para solicitar unha praza en Educación Infantil remata esta semana

 O goberno dirixido por Sergio Platas vén de ampliar o servizo de Madrugadores á Escola de Viñas, polo que ambos os dous centros contan agora con prestacións de conciliación e instalacións e recursos renovados

O Concello de Paderne está preocupado polo risco de peche das escolas unitarias do municipio. O executivo dirixido por Sergio Platas alerta da “ameaza” que supón a baixa matriculación para o vindeiro curso escolar, que podería acabar derivando no peche dos centros de Infantil da localidade.
“Precisamos nenos e nenas”, recoñeceu o alcalde, que explicou que as escolas unitarias “son un auténtico luxo, xa que ofrecen unha ensinanza personalizada”. Ademais, lembrou que o Concello de Paderne ofrece como “complemento gratuíto de conciliación familiar” nestes centros públicos e dependentes da Xunta de Galicia o servizo de madrugadores, “que permite que os pais e nais leven aos fillos e fillas antes a escola para poder ir traballar e tamén lles permite almorzar”.
De feito, para potenciar a oferta, o Concello apostará por duplicar o servizo de Madrugadores e introducilo tamén na Escola de Viñas a partir do próximo curso escolar. Esta iniciativa chega despois de culminar as obras de mellora nos centros educativos de Viñas e Areas, que sufriron unha remodelación para mellorar as súas instalacións e ofrecer un mellor servizo ás familias. Despois dun investimento total que estivo preto dos 100.000 euros, financiados con fondos propios, ambas as dúas escolas gozan xa dunha mellor imaxe en cuestión de infraestrutura e mantemento, ademais de contar con parques infantís máis modernos e seguros.
Esta importante aposta englóbase dentro do plan de ‘Educa en Paderne, educa na casa’, co que o Concello de Paderne pretende fomentar a matriculación nos centros do municipio. A través deste plan integral desenvolvéronse iniciativas como varias xornadas de portas abertas, faladoiros entre pais e nais ou a publicación de vídeos nas redes coas unitarias como temática.
“A educación é de moita calidade porque cada profesora ten poucos alumnos e alumnas. En concreto, un mínimo de seis, que é un problema que temos agora mesmo”, apuntou o alcalde, que agarda que nestes últimos días a matriculación sufra un impulso que permita garantir a presenza a oferta das unitarias.

Deja un comentario