Monday 17 de March de 2025

Miño crea unha bolsa de emprego para auxiliar administrativo de biblioteca


O prazo de presentación de solicitudes abriuse hoxe e estará dispoñible os próximos 10 días hábiles.

O Concello de Miño abriu hoxe o prazo de presentación de solicitudes para participar no proceso selectivo destinado á creación dunha bolsa de emprego na categoría profesional de auxiliar administrativo de biblioteca. Este procedemento permitirá a contratación de persoal temporal ou o nomeamento de funcionarios interinos en caso de necesidade, garantindo así o correcto funcionamento dos servizos bibliotecarios municipais.

Os aspirantes deberán cumprir cos requisitos establecidos na convocatoria, entre eles, a posesión do título de Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria e un nivel acreditado de coñecemento da lingua galega (CELGA III ou equivalente). O proceso de selección levará a cabo mediante un sistema de concurso-oposición, no que se avaliarán tanto as competencias teóricas e prácticas dos candidatos como a súa experiencia e formación específica no ámbito de bibliotecas.
As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello, a través da súa sede electrónica ou por calquera das vías establecidas na normativa vixente. O prazo de inscrición estará aberto durante dez días hábiles desde hoxe.

Para máis información, os interesados poden consultar as bases completas na sede electrónica do Concello de Miño ou contactar a través do correo electrónico correo@concellodemino.gal.

Deja un comentario