
O alcalde de San Sadurniño, Secundino García Casal, e a concelleira de Axenda 2030, Raquel Piñeiro López, participron esta fin de semana nunha visita de traballo ao rural zamorano para coñeceren o funcionamento da Cooperativa tranfronteiriza de autoprodución e autoconsumo Efiduero Energy, creada para servir á Agrupación Europea de Cooperación Territorial Duero-Douro.
A entidade agrupa pequenos concellos rurais da zona da Raia de Zamora, Salamanca e Portugal, co obxectivo de reducir drasticamente as facturas de electricidade e ofrecer maiores oportunidades de futuro á poboación, que ao integrarse na cooperativa tamén ten poder de decisión sobre como se xestiona.
O obxectivo da iniciativa, que conta con financiamento Next Generation, é facer accesible a enerxía fotovoltaica para toda a súa área de influencia. De feito, até o momento implantaron 232 instalacións fotovoltaicas de autoconsumo compartido e 32 puntos de recarga públicos, que se distribú8en por 55 municipios do oeste zamorano e salmantino.
A potencia instalada achégase aos 4.000 kWp e a enerxía producida supera os 6.300 MWh/ano, combinando para iso a autofinanciación e o aproveitamento de programas coma o CE-Implementa, o DUS 5000 ou o Moves III (para instalar puntos de recarga).
Ademais, a cooperativa tamén ofrece asesoramento e apoio continuo aos seus membros, promovendo a educación e a concienciación sobre a importancia das enerxías renovables, así como retorno ao territorio en forma de investimento social.
Secundino García e Raquel Piñeiro asistiron o venres no viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Zamora a unha introdución sobre as comunidades enerxéticas en Almaraz de Duero e Villaseco del Pan, que forman parte do proxecto, mentres que o sábado visitaron o municipio de Fermoselle para ver no sitio como funciona unha comunidade enerxética.
Esta visita permiulles coñecer boas prácticas e intercambiar experiencias “que poden aplicarse en San Sadurniño para impulsar a transición enerxética e o desenvolvemento sostible do noso territorio”, explica o alcalde, Secundino García. Pola súa banda, Raquel Piñeiro apunta que, a falta dunha regulación do mercado eléctrico “máis favorable para as persoas consumidoras que para as grandes empresas”, a autoprodución e o autoconsumo “son unha posibilidade real que xa está funcionando con éxito noutros lugares e que nós, como Concello, temos que valorar seriamente, tendo moi presente que a realidade de Galicia non é exactamente a mesma que a de Zamora, nin por clima nin por dispersión da poboación”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.