Monday 17 de March de 2025

A Biblioteca Municipal falla os premios do concurso convocado polo Día de Rosalía


A Biblioteca Municipal de San Sadurniño deu a coñecer o pasado venres o fallo do xurado do concurso de ilustración convocado con motivo do Día de Rosalía. O certame propoñía tomar como inspiración algunha das novelas, poesías ou escritos da autora e propor un debuxo orixinal en tamaño A4 que mesmo puidese utilizarse como portada da obra á que fixesen alusión. Como axuda (e como actividade en si mesma), a Biblioteca expuxo no recibidor da Casa da Cultura preto dunha vintena de volumes con distintas edicións da literatura rosaliana.

Para o concurso, que outorgaba seis premios en forma de vales canxeables na libraría Brétema, recibíronse preto dunha vintena de ilustracións, na súa maioría dentro da categoría infantil.

As obras ganadoras na categoría da rapazada foron: “Flavio”, de Aroa A.R. (6 anos); “A flor”, de Sofía G.A (7 anos).; e “A flor”, de Fernando C.A. (11 anos).

No apartado de mocidade e persoas adultas o xurado elixiu os debuxos “Negra sombra”, de Héctor Padín Torrente; “Dos palomas”, de Aldara Pérez Paz; e “Dicen que no hablan las plantas”, de Santiago Díaz Mera.

A concelleira de Cultura, Araceli Bellas, agradeceu “a participación de todas e todos os debuxantes” e destacou “o cariño e a ilusión coa que as máis pequenas e pequenos fixeron os seus debuxos dedicados á obra de Rosalía, sinal de que os libros e o galego teñen futuro”.

Deja un comentario