Monday 17 de March de 2025

A Xunta destina 8.000 euros á Asociación Vieiro de Carballo para o desenvolvemento de programas de incorporación social de pacientes con trastornos adictivos


 As iniciativas no ámbito da incorporación social desenvolveranse a través do Programa de Atención Xurídico Social

 Ao abeiro deste Programa, no pasado ano foron atendidas 45 persoas por parte desta asociación e preto de 2.000 en toda Galicia

 No conxunto da comunidade autónoma, a Xunta destinará 447.000 euros ao Programa de Atención Xurídico Social

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o vicepresidente da Asociación Vieiro de Carballo, Xosé María Arán, asinaron un convenio de colaboración para o desenvolvemento de programas de incorporación social de pacientes con trastornos adictivos, que a Xunta financiará con 8.000 euros.

Ao abeiro deste convenio con Vieiro, o pasado ano foron atendidos un total de 45 usuarios, dos que 41 eran homes e 4 mulleres.

As iniciativas no ámbito da incorporación social desenvolveranse a través do Programa de Atención Xurídico Social da Consellería de Sanidade, dirixido á atención integral das persoas con trastornos adictivos e problemática legal engadida, prestándolles axuda técnica en relación a trámites xurídicos.

A prestación dos mencionados servizos levarase a cabo por parte dos profesionais que integran os equipos nos diferentes dispositivos da asociación.

A Xunta destina este ano 447.000 euros ao desenvolvemento no conxunto de Galicia do Programa de Atención Xurídico Social, que en 2024 posibilitou axudar, a través de sete asociacións sen ánimo de lucro, a 1.995 persoas.

Coordinación co Plan de Galicia sobre Drogas
Tal e como se recolle no convenio asinado, a asociación Vieiro de Carballo comprométese a cumprir as directrices e instrucións de coordinación e programación dispostas polo Servizo Galego de Saúde a través da Subdirección Xeral de Atención á Saúde Mental, coordinándose, ademais, con outros centros, servizos e programas recollidos dentro do Plan de Galicia sobre Drogas.
O perfil social destas persoas é variado, pero gran parte delas presentan dificultades adicionais para a súa incorporación social, ao estar incursas en procedementos xudiciais que poden comportar un ingreso en prisión e dificultar así os seus procesos de recuperación.
As complexas situacións e circunstancias derivadas das adiccións necesitan de instrumentos de asesoramento e orientación técnica e profesional por un equipo multidisciplinar e experto na materia, para prestar cobertura en todas as situacións persoais, sociais e xudiciais nas que se vexan involucrados, optimizando a canalización do usuario ao recurso da rede asistencial máis adecuado.
En consecuencia, a través deste convenio facilítase a atención integral ás persoas con condutas adictivas e problemas legais, proporcionado cobertura de apoio e documental ao ámbito xudicial (xulgados, comisarías, prisións…), tanto a usuarios como a xuíces, fiscais, avogados e á propia institución penitenciaria.
Así mesmo, o dito programa actúa como porta de entrada nos recursos clínico- asistenciais.

Deja un comentario