
- Hoxe descubriuse a placa da rúa despois de que o Concello aprobase en pleno o nomeamento.
- O IES Pedra da Aguia acolleu unha sentida homenaxe á mestra.
- Tamén se instalou unha placa en Camelle, na casa de Carmen Tajes Rodríguez, para poñer en valor o seu legado como curandeira.
O Concello de Camariñas estreou hoxe, sábado 15 de marzo, a rúa Silvia Lijó López, unha homenaxe á mestra que destacou durante toda a súa traxectoria polo seu compromiso coa educación, a igualdade de xénero e a integración social no municipio.
Ás 12 horas celebrouse un pleno extraordinario onde a corporación municipal aprobou por unanimidade o nomeamento da rúa que conduce ao IES Pedra da Aguia, centro no que desenvolveu gran parte da súa traxectoria como mestra, a Silvia Lijó López.
Logo, ao remate do pleno, celebrouse un acto de homenaxe no IES Pedra da Aguia, no que estiveron presentes familiares e amigos da mestra, membros da corporación municipal e compañeiros e compañeiras seus do ámbito educativo.
Alí, a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, destacou que “Silvia é unha muller que non só traballou polo ben da súa comunidade, senón que foi quen de abrir camiño, de facer pensar, de inspirar. Representa esa xeración que, nos anos 80, fixo que moitos e moitas abriran os ollos. Xunto con persoas como Emilio, Auri ou Javier, foi un referente para tantas e tantos de nós”.
“Desde o goberno local, seguimos firmes na nosa política de poñer en valor aos nosos veciños e veciñas, á nosa xente. Fixémolo dedicando o pavillón a Victoriano Vigo, a sala do Museo do Encaixe a Raquel Moreira, nomeando fillo predilecto a José Luis Blanco Campaña ou dedicando unha rúa ao exalcalde Bautista. E seguimos adiante, porque cremos que recoñecer aos nosos é dignificar a nosa historia e fortalecer o noso futuro. Porque unha comunidade que lembra é unha comunidade que avanza. Porque Camariñas ten nome de muller, de mulleres coma Silvia”, salientou.
Homenaxe a Carmen de Angustias
Continuando cos actos previstos polo 8M, Día Internacional da Muller, pola tarde levouse a cabo unha homenaxe a Carmen Tajes Rodríguez (1921-2008), coñecida como ‘Carmen de Angustias’, que destacou ao longo da súa vida polo seu labor como auxiliar sanitaria no Concello de Camariñas.
A alcaldesa, acompañada da familia de Carmen, descubriu na casa da homenaxeada, en Camelle, unha placa conmemorativa na que se pon en valor a súa vida e a súa traxectoria, que a fixo converterse nunha excelente auxiliar sanitaria e curandeira desde os 23 anos.
Facía todo tipo de curas, poñía inxeccións, extraía moas, asistía en intervencións cirúrxicas e mesmo axudaba a preparar os falecidos. A xente pagáballe en función dos seus recursos: peixe, ovos e outros produtos do campo. Aquelas persoas con menos recursos axudábanlle no cultivo e na recollida das patacas.
Compaxinou o seu traballo sanitario con diversas ocupacións: foi barrenadora no porto, traballou na lonxa de Camelle preparando o peixe e tamén no secadoiro de congro. Ademais, dedicaba as noites ao encaixe.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.