O IES de Ponteceso busca converterse nun referente na comarca neste eido, ampliando formacións e buscando crear sinerxías coas empresas da zona.
O alcalde, José Manuel Mato, pechou o acto reivindicando a necesidade de implantar a FP Dual para as formacións relacionadas coa automocións que se imparten na actualidade no centro.
O IES Eduardo Pondal de Ponteceso acolleu este sábado unha xornada informativa organizada pola Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños (Axober) e que contou coa colaboración do Concello de Ponteceso, centrada na oferta formativa en transporte e mantemento de vehículos, así como nas opcións actuais en materia de contratación. O evento, que tivo lugar no auditorio do instituto, contou cunha ampla participación de estudantes, familias e representantes de empresas do sector da automoción.
Na primeira parte da xornada, Manuel Verdes e Esteban Trigo, do ámbito da Formación Profesional en Automoción, explicaron en detalle a oferta educativa dispoñible na comarca, proporcionando orientación sobre as posibilidades de formación e saídas laborais dun sector en constante evolución. Posteriormente, un grupo de expertos abordou as diferentes modalidades de contratación, facendo fincapé nos contratos en alternancia, as becas e as axudas para a inserción laboral. Entre os relatores participaron representantes de Asesoría Cervantes, da Fundación Universidade da Coruña (FUAC), da Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA) e da Fundación Venancio Salcines.
A xornada continuou cunha mesa redonda de experiencias na que empresas e alumnos compartiron testemuñas reais sobre a inserción laboral e a situación do mercado da automoción. Este espazo de diálogo permitiu achegar aos asistentes unha visión directa dos retos e oportunidades do sector, ademais de facilitar o contacto entre empresas e posibles traballadores.
O acto foi clausurado polo alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, quen destacou a importancia deste tipo de iniciativas para fomentar a empregabilidade xuvenil e o desenvolvemento do tecido empresarial da comarca. “É unha honra para min estar hoxe aquí, pechando esta xornada sobre a Formación Profesional en automoción do IES de Ponteceso. Un centro que, como ben sabedes, ten que converterse nun referente en toda a nosa comarca neste tipo de ensinanzas, e que, pouco a pouco, estamos reforzando para que cumpra ese obxectivo”, sinalou o rexedor.
Durante a súa intervención, Mato subliñou que “a educación é o motor do noso futuro, e no ámbito da FP isto é aínda máis certo. O sector da automoción é clave para a economía da nosa contorna, e por iso precisamos que a formación estea á altura das necesidades das empresas e dos novos profesionais que queren desenvolver a súa carreira aquí, na nosa terra”. O alcalde fixo fincapé na necesidade de impulsar a FP Dual, un modelo que combina estudos con prácticas remuneradas en empresas, para garantir unha mellor preparación dos estudantes e facilitar a súa inserción laboral con experiencia real.
Tamén destacou a importancia da colaboración entre empresas e centros educativos para crear sinerxías que beneficien a toda a comarca. “Xa demos un paso importante coa posta en marcha de dúuas liñas de autobús que conectan o IES de Ponteceso con outros municipios da comarca, facilitando o acceso á formación para máis mozos e mozas. Pero non podemos quedar aquí. Temos que seguir avanzando, consolidando este proxecto, reforzando a oferta educativa e esixindo ás administracións que aposten pola FP Dual como unha ferramenta esencial para o desenvolvemento económico da Costa da Morte”, concluíu Mato.
O evento contou coa colaboración do Concello de Ponteceso, a Deputación da Coruña, o IES Eduardo Pondal de Ponteceso e a Escola Profesional de Transporte e Mantemento de Vehículos.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.