Monday 17 de March de 2025

“Rúa a rúa, escoitando”: o PP de Culleredo denuncia o abandono municipal e aposta por solucións deseñadas xunto aos veciños


∙ Izaskun García: “Non se pode gobernar Culleredo desde un despacho, hai que pisar a rúa, escoitar aos veciños e actuar”.

∙ O encontro cos veciños do Portádego, A Corveira e Monte Alfeirán terá lugar este luns 17 de marzo na Sala Municipal Victoria Díaz Cabanela, detrás do cuartel da Garda Civil, ás 20:30h.

O Partido Popular de Culleredo continua coa súa rolda de reunións veciñais para coñecer de primeira man as necesidades e preocupacións dos cullerdenses. O vindeiro luns 17 de marzo ás 20:30 horas convocan aos veciños do Portádego, A Corveira e Monte Alfeirán a acudir á Sala Municipal Victoria Díaz Cabanela, na rúa María Cagiao, onde poderán expresar as súas queixas, demandas e suxestións.
Este encontro enmárcase na iniciativa “Rúa a rúa, escoitando”, coa que o PP de Culleredo busca chegar a todos os barrios e parroquias do municipio para deseñar solucións “da man dos veciños, en contraste coa actitude do actual goberno municipal, que toma decisións de costas á cidadanía”, declara a portavoz popular, Izaskun García.

Esta rolda de encontros veciñais comezou a finais do pasado ano coa visita a Boedo e a Sueiro, “onde os veciños trasladáronnos o hartazgo e a sensación de abandono por parte deste alcalde e o seu goberno”. Unhas reunións, as do rural, que continuarán “ata chegar a cada parroquia, que non quede nin un veciño sen poder expresar a súa queixa, a súa demanda”, aseguran os populares.
“Culleredo non se goberna desde un despacho, senón a pé de rúa, escoitando aos veciños. Nós apostamos por unha política próxima, transparente e centrada en solucións reais, non en imposicións. Os veciños deben ser os protagonistas de cada decisión, porque cando se goberna con eles e para eles, avánzase de verdade”, asegura García.

Desde o PP de Culleredo animan a todos os veciños destas zonas para asistir e participar activamente neste encontro, reafirmando o seu compromiso cunha política próxima, transparente e baseada na participación cidadá.

Deja un comentario