Friday 22 de November de 2024

Presentados tres spots sobre igualdade de xénero creados por alumnos do colexio Bayón e os institutos Número 1 e Leliadoura


O proxecto estivo promovido polo Concello a través do CIM

O froito de traballo audiovisual desenvolvido dende o pasado outono por alumnos do colexio Bayón e os institutos Número 1 e Leliadoura, que realizaron tres spots en torno á igualdade de xénero, foi presentado este mediodía no Centro Cultural Lustres Rivas coincidindo coa celebración do Día Internacional da Muller.

O título do proxecto foi “Rec-capacita: Spots reivindicativos” e estivo promovido polo Concello de Riveira a través do Centro de Información á Muller de Riveira (CIM). A presentación de hoxe contou coa asistencia de case un cento de alumnos e cos seus mestres, enchendo por completo a sala de usos múltiples da instalación municipal.

A concelleira de Servizos Sociais, Esther Patiño, e a directora do CIM, Dolores Crujeiras, abriron o evento, que tamén incluíu a intervención de Fátima Fernández, coordinadora do proxecto pertencente á empresa Senes Desenvolvemento Comunitario que se encargou da asistencia técnica do mesmo. Contou ademais coas palabras explicativas de diferentes alumnos por parte de cada centro educativo participante co fin describir a experiencia de ter traballado na creación das obras.

Acto seguido tería lugar o gran momento: a proxección das tres pezas audiovisuais por parte de “Number 1 Publicidade Axencia de Publicidade (IES Número 1), F1lman1acs Axencia Publicitaria (Colexio Bayón) e Aguiño Axencia Publicitaria (IES Leliadoura), complementadas por cadanseus making off.

Enlaces aos spots:

– IES Número 1: https://vimeo.com/158058479
– Colexio Bayón: https://vimeo.com/158058480
– Leliadoura: https://vimeo.com/158058478

Case para concluír tivo lugar un animado debate en torno aos valores aprendidos con esta iniciativa en torno á igualdade, a corresponsabilidade e a erradicación de condutas violentas nas relacións persoais. Unha entrega de diplomas puxo o punto e final ao evento.

A actividade está enmarcada dentro dun proxecto de coeducación, financiado pola Deputación Provincial da Coruña.