
— Ángeles Vázquez avanza que, ante o éxito desta iniciativa en Vigo e Ferrol, xa se está preparar a terceira edición, que terá lugar o vindeiro 17 de maio na cidade da Coruña
— Esta fin de semana 60 particulares exporán en postos de catro metros cadrados os artigos que queren vender na sala Curuxeiras do porto de Ferrol
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou hoxe que a alta participación no mercado de segunda man do Tinglado de Ferrol demostra o compromiso da cidadanía co consumo responsable e a reciclaxe.
Durante a visita que realizou hoxe a este mercado circular, acompañada da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, a conselleira explicou que se recibiron un centenar de solicitudes para participar nesta iniciativa por parte de particulares de localidades tanto da comarca ferrolá como de puntos máis distantes como Cambre, Sada, A Laracha ou Santiago de Compostela.
De feito, ante o éxito de convocatoria desta iniciativa en Vigo e Ferrol, a conselleira avanzou que xa se está preparar a terceira edición do Tinglado, que terá lugar o vindeiro 17 de maio na cidade da Coruña.
Nese senso, Ángeles Vázquez avogou por seguir dando pasos para reducir os residuos que se xeran sendo “cada vez máis conscientes do impacto ambiental que provocan as nosas compras e as decisións que tomamos como consumidores”. Para iso destacou iniciativas como o Tinglado, onde a cidadanía terá a oportunidade de vender e mercar todo tipo de produtos -como roupa, libros, xoguetes, artigos de fogar e de decoración- para darlles un segundo uso a eses obxectos.
Deste xeito, esta fin de semana 60 particulares -30 cada día-, seleccionados de entre todos os solicitantes por estrita orde de inscrición, exporán en postos de catro metros cadrados os artigos que queren vender. O horario de atención ao público na sala Curuxeiras do porto de Ferrol dividirase en dúas quendas: de 10,00 horas a 14,00 horas e de 16,00 horas a 20,00 horas.
Plan de residuos municipais
Esta actuación enmárcase no Plan sectorial de xestión de residuos municipais de Galicia 2030, co que a Xunta busca implicar ás entidades locais na implantación dun modelo circular que contribúa a cumprir coas exixencias normativas en materia de residuos. Con este plan o Goberno galego aspira a reducir en 2030 un 15% a xeración de refugallos respecto a 2010, un 50% os residuos alimentarios por persoa na venda retallista e aos consumidores e un 20% as perdas de alimentos ao longo das cadeas de produción e subministración.
Nesa liña, a titular de Medio Ambiente e Cambio Climático salientou que, co anterior plan, entre outros aspectos, Galicia reduciu máis dun 5% a produción de residuos e os refugallos enviados a vertedoiro descenderon case un 37%, co que a comunidade se sitúa por debaixo da media estatal e máis próxima á media europea.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.