Valentín Calvín e Alfonso Rueda abordaron diferentes cuestiones claves para o desenvolvemento de Ortigueira.
O rexedor ortegano agradeceu ao presidente autonómico a estreita colaboración entre institucións e o investimento que a Xunta de Galicia está a realizar no municipio.
O alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, mantivo este venres unha reunión de traballo co presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, para abordar proxectos crave destinados a mellorar as infraestruturas, a seguridade viaria e a calidade de vida no municipio.
Algúns dos asuntos tratados foron a necesidade de mellorar a conexión entre Ortigueira e o polígono industrial das Pontes, co obxectivo de aumentar a seguridade e a fluidez do tráfico, incluíndo máis tramos de adiantamento. En materia industrial, tamén se expuxo a necesidade de dinamizar o polígono industrial da Rega, en Cuíña, co fin de atraer novas empresas e investimentos que xeren emprego e crecemento económico.
En materia de vivenda, Calvín propuxo a construción de vivendas de protección oficial na zona do CEIP José María Lage, unha medida que busca dar resposta á demanda habitacional do municipio e favorecer o acceso á vivenda das familias con menos recursos. Así mesmo, o alcalde solicitou a axilización dos trámites para a dragaxe dos portos de Espasante e Ortigueira, unha actuación crucial para o desenvolvemento económico e pesqueiro da zona
Ademais, aproveitou a ocasión para convidar o presidente da Xunta ao Festival Internacional do Mundo Celta, un dos eventos culturais máis importantes do municipio e un referente a nivel galego e que este ano será máis especial se cabe ao coincidir co 50 aniversario da Banda de Gaitas de Ortigueira.
Valentín Calvín expresou a súa satisfacción pola colaboración entre a Xunta de Galicia e o Concello de Ortigueira, agradecendo o esforzo investidor da administración autonómica en infraestruturas e proxectos crave para o desenvolvemento do municipio. “É fundamental manter esta cooperación fluída coa Xunta, que está a demostrar o seu compromiso con Ortigueira a través de investimentos estratéxicos que melloran a calidade de vida dos nosos veciños”, sinalou o rexedor.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.