Saturday 15 de March de 2025

Román Rodríguez anuncia a inminente licitación de obras no instituto IES Manuel Murguía e no Colexio CEIP Ponte dos Brozos, en Arteixo por 1,7M€


— Súmanse á ampliación do IES A Pastoriza, xa en execución por máis de 2,1M€ e elevan a case 4M€ o investimento do Plan de nova arquitectura pedagóxica neste concello
— O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP reúnese co alcalde da vila e felicítao pola distinción ao municipio como Cidade da Ciencia e a Innovación

— Entre os asuntos tratados, traballan na posta en marcha dos plans locais de I+D+i enmarcado no Plan de investigación e innovación de Galicia 2025-2027

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, anunciou hoxe durante unha reunión de traballo co alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, a licitación inminente de novas obras no instituto IES Manuel Murguía e no Colexio CEIP Ponte dos Brozos, ambos en Arteixo, cun investimento total de 1,7M€. Estas actuacións súmanse á ampliación do IES A Pastoriza, xa en execución por máis de 2,1M€, e elevan a case 4M€ o investimento da Xunta co Plan de nova arquitectura pedagóxica neste concello.

No caso do IES Manuel Murguía, acometerase unha rehabilitación integral por máis de 1,3M€, que incluirá a substitución de cubertas de 1895 m², o cambio da carpintería exterior (122 fiestras e 17 portas), o illamento térmico polo exterior con SATE de 2523 m² de fachadas, así como a renovación da iluminación e falsos teitos. Cun orzamento de case 400.000€, a obra no CEIP Ponte dos Brozos consistirá no cambio de 2452m² de cuberta.

Acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, o conselleiro felicitou tamén ao rexidor municipal pola distinción da localidade como Cidade de Ciencia e Innovación. “Esta distinción é o recoñecemento ao traballo feito, ao esforzo dunha localidade por levar a innovación as diferentes áreas do día a día”, afirmou o titular de Ciencia, quen animou ao Concello de Arteixo a “seguir neste camiño de progreso para estar sempre á vangarda dos novos retos que marca a actualidade”.

Esta distinción é un aliciente, como sinalou Román Rodríguez, para que o Concello de Arteixo se sume aos novos plans locais de I+D+i enmarcados no Plan de investigación e innovación de Galicia 2025-2027, sobre o que afondaron no encontro mantido hoxe polo representante do Goberno galego e o do Goberno municipal.

Mellorar servizos de proximidade
Esta medida ten como obxectivo que as entidades locais poidan identificar desafíos pegados aos territorios e aos servizos que prestan e articular solucións adaptadas a eles. “Desenvolveremos este plan coas achegas que os diferentes concellos fagan”, sinalou o conselleiro, quen incidiu en que se elaborarán unha serie de medidas “para facer un plan sólido e efectivo no que levemos a innovación a todo o territorio galego”.

Co nomeamento a Arteixo como Cidade de Ciencia e Innovación recoñécese o apoio á innovación do concello, definindo políticas, potenciando estruturas, institucións e empresas locais cun forte compoñente científico, tecnolóxico e innovador. A través desta distinción, este concello poderá ter mellor acceso a fondos europeos para dotarse das últimas tecnoloxías e intensificar, así, todo o labor que xa levan feito en materia de innovación.

Deja un comentario