
● O goberno local solicitou á Xunta unha subvención de 48.800 euros para financiar o proxecto.
● Esta actuación forma parte do plan para renovar, en diferentes fases, esta infraestrutura e poñela a disposición da veciñanza.
O Concello de Camariñas ten previsto investir 61.100 euros nun proxecto para mellorar a eficiencia enerxética da Casa do Mar de Camelle, a través da substitución e renovación das características térmicas das carpinterías exteriores do edificio.
Para financiar a actuación o goberno local ven de presentar na Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes unha solicitude para participar na liña de axudas a Concellos para a mellora da eficiencia enerxética nos edificios e infraestruturas municipais. O importe da subvención, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia FEDER 2021-2027, chegaría aos 48.880 euros.
Os traballos levaríanse a cabo na planta alta do edificio e suporían a substitución das carpinterías exteriores existentes (de aluminio sen rotura de ponte térmico e con vidros simples) por unhas novas ventás de aluminio con rotura de ponte térmico e excelentes prestacións térmicas, con dobre acristalamento térmico e de baixa emisividade.
A Auditoría Enerxética que se incorpora co proxecto indica que, cando se realice, tanto o consumo de enerxía primaria non renovable como as emisións de dióxido de carbono reduciríanse ao redor dun 21,3%. Con este aforro no consumo enerxético producirase un aforro económico duns 3.500 euros ao ano na factura da electricidade no inmoble.
Esta actuación forma parte do plan para renovar, en diferentes fases, a Casa do Mar de Camelle e poñela a disposición da veciñanza, sumándose ao proxecto de renovación da cuberta que xa está licitado. Ademais, unha vez rematados estes dous traballos, o Concello ten previsto incorporar unha bomba de calor de alta eficiencia enerxética para a xeración de calefacción.
“O obxectivo é rehabilitar por completo a Casa do Mar e convertela nun espazo de ocio, respondendo así unha antiga demanda dos veciños e veciñas da parroquia”, explica a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.