
A alcaldesa, Inés Rey, supervisou hoxe os traballos que se están a executar na instalación, que tras a fase de demolición, remodelación e impermeabilización, avanza agora coa plantación de arboredo nos exteriores do edificio
Avanzan as obras de renovación do mercado municipal de Monte Alto, unha intervención na que o Concello leva a cabo un investimento de 10,4 millóns de euros —cofinanciados con fondos europeos— co obxectivo de rehabilitar e modernizar a instalación, adaptándoa ás necesidades actuais da cidadanía e as persoas usuarias do mercado.
Esta mañá, a alcaldesa, Inés Rey, informou de que os traballos xa están ao 50% en termos de certificación. Se meses atrás concluíron as demolicións e remodelacións dos espazos interiores, máis recentemente remataron as actuacións correspondentes á impermeabilización e ao acondicionamento acústico do mercado, tamén as de pavimentación da praza superior, a instalación das estruturas de aceiro da escola infantil, os traballos de fontanería, tabicado e illamento dos locais veciñais e, ademais, as instalacións contraincendios do aparcadoiro con acceso desde a rúa Forcarei.
Neste sentido, a rexedora, acompañada hoxe polos concelleiros José Manuel Lage, Francisco Díaz Gallego e Diana Cabanas, recalcou que a folla de ruta sobre a que está a traballar o Goberno municipal, que recolle a finalización das obras no mercado a finais deste ano, “mantense segundo o previsto”.
Actualmente, os operarios están a traballar nos exteriores do mercado para plantar 17 novas árbores, colocar as carpinterías de aceiro na futura fachada do edificio e, ademais, rematar as tarefas de instalación eléctrica tanto na escola infantil como nos locais veciñais. En paralelo, nos sotos do aparcadoiro, xa se están a habilitar os depósitos da instalación contraincendios.
O equipamento dos novos postos do mercado, en fase de fabricación
Mentres continúan as obras no mercado, avanzan os traballos en fábrica que permitirán, proximamente, colocar as estruturas metálicas dos ascensores e da marquesiña exterior, tamén os equipamentos dos postos do mercado e as portas automáticas que haberá nos seus accesos dende, por exemplo, a rúa Conto.
Tamén en fase de fabricación en taller están as carpinterías de aluminio e o adoquinado da cuberta da escola infantil, actuacións necesarias para completar a construción do edificio.
A este respecto, a alcaldesa recalcou hoxe que o Concello mantén unha liña de comunicación aberta e constante coas praceiras e praceiros para dar resposta ás súas necesidades no contexto das obras, tras o seu traslado ao mercado provisional de Indalecio Prieto.
Rey lembrou que, en xaneiro do ano pasado, a Xunta de Goberno Local aprobou a suspensión dos prazos das concesións ás persoas comerciantes da praza de Monte Alto ata que se completen as obras de rehabilitación do mercado, polo que o período de execución dos traballos non computará como tempo transcorrido para os efectos das concesións en vigor de praceiras e praceiros.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.