
A Policía Local coordinará a seguridade do percorrido, habilitando cortes temporais de tráfico desde as 19.45 horas
Este sábado 15 de marzo comeza o circuíto de carreiras populares Coruña Corre coa disputa da primeira das súas sete probas, a carreira popular da Torre de Hércules, que dará comezo ás 20.00 horas na súa categoría absoluta, e desde as 17.00 horas nas categorías inferiores. “Desde o Goberno de Inés Rey estamos moi ilusionados polo comezo dunha nova edición de Coruña Corre, pois ademais temos que celebrar o incremento da participación en máis de 1.000 persoas, amosando o vivo que está este circuíto”, indicou Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes.
A carreira, ademais, servirá para conmemorar o 8M cunha andaina paralela para a que hai inscritas máis de 500 persoas. En total, máis de 3.500 corredores e corredoras formalizaron a súa participación nesta proba. As carreiras de categorías inferiores comezarán ás 17.00 horas no paseo dos Menhires, desde onde tamén partirá a proba absoluta ás 20.00 horas. A andaina comezará ás 20.05 horas, unha vez as persoas participantes na carreira comecen a proba.
A recollida de dorsais terá lugar no frontón da Cidade Deportiva da Torre – Arsenio Iglesias este venres, en horario de 17.00 a 21.30 horas, e o sábado, día da carreira, de 10.00 a 17.00 horas. Por outra banda, durante o sábado haberá diferentes servizos a disposicións das persoas participantes, como avituallamento na liña de meta, duchas (desde as 19.30 horas) e gardarroupa (de 19.00 a 21.30 horas) na Cidade Deportiva.
Dispositivo de seguridade e tráfico
Desde o Concello recoméndase o uso do transporte público e evitar o vehículo privado debido ás posibles afectacións e cortes de tráfico que esta proba multitudinaria leva aparelladas. Ademais, o aparcadoiro da Cidade Deportiva quedará restrinxido para a organización da carreira durante a xornada do sábado.
En canto ás afectacións ao tráfico, a Policía Local da Coruña ten previsto un amplo dispositivo de seguridade que se porá en marcha ás 17.00 horas, e cuxos cortes e desvíos comezarán ás 19.45 horas, 15 minutos antes do comezo da proba absoluta, xa que as probas anteriores desenvolveranse na súa totalidade no paseo dos Menhires.
De 20.00 a 20.15 horas haberá un corte total de acceso e saída no barrio de Durmideiras. A partir das 20.15 e ata as 21.00 horas darase acceso ao barrio a través de Juan Sebastián Elcano e saída cara a glorieta exterior do barrio unha vez pase a andaina. Por outra banda, de 19.45 a 20.30 horas haberá un corte total das rúas Manuel García Canzobre e Veramar.
En canto ao paseo marítimo, haberá un corte de tráfico de 20.00 a 20.45 horas desde a avenida de Navarra ata o castelo de San Antón, que finalizará unha vez remate a primeira metade da andaina. Tamén se pechará ao tráfico no outro sentido, desde Ánimas ata o acceso a Durmideiras, ata o paso do final da carreira. As afeccións afectarán ao acceso a garaxes no percorrido e a apertura será gradual segundo o paso das persoas participantes. Os horarios poden variar en función das necesidades da Policía Local.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.