
Cuéllar, que dirixiu á Orquesta Sinfónica Nacional de Colombia, conta tras de si cunha ampla formación e unha sólida traxectoria profesional. Presenta un proxecto de desenvolvemento integral do Consorcio a catro anos vista
O prestixioso director e compositor colombiano Juan Antonio Cuéllar asumirá proximamente a xerencia do Consorcio para a Promoción da Música. O seu nomeamento farase oficial a vindeira semana na xunta ordinaria do Consorcio. A comision de selección para escoller o posto de novo xerente finalizou os trámites e propuxo por unamidade o nome do músico, proposta que será trasladada á xunta do Consorcio nos próximos días.
Cuéllar, que foi director executivo da Orquesta Sinfónica Nacional e da Asociación Sinfónica Nacional de Colombia, formouse na Pontificia Universidad Javeriana e na escola de música Jacobs, da Indiana University Bloomington, onde obtivo a súa mestría e doutorado en composición tras gañar unha beca Fulbright.
Ademais, conta tras de si cunha sólida traxectoria profesional. Entre os anos 2002 e 2008 foi decano da Facultad de Artes da Pontificia Universidad Javeriana, onde tamén desempeñou tarefas de mestre no departamento de Música ata o ano 2020. En paralelo, creou con Mark Gillespie, da Orquesta de las Américas, e Fernando Cortés, director executivo da Fundación Bolívar Davivienda, a Orquesta Filarmónica Juvenil de Colombia.
Entre medias, dende hai máis de tres décadas, vén traballando co produtor Julio Reyes, gañador de numerosos premios Grammy e Billboard, arreglando e compoñendo música para proxectos nos que participaron artistas de sona nacional e internacional, como Alejandro Sanz, Aitana, Andrés Calamaro, Juanes, Sebastián Yatra e Laura Pausini, entre moitos outros.
Esta mañá, Inés Rey valorou a súa incorporación á fronte da xerencia do Consorcio, destacando o currículo e experiencia executiva de Cuéllar.
A rexedora destacou, ademais, a boa sintonía coa Xunta durante todo o proceso de selección e destacou a aposta por relanzar e impulsar as actividades da Orquestra Sinfónica de Galicia, o Coro, a Orquestra Xove da OSG, a Orquestra Infantil e a Escola Municipal de Música da Coruña, “que forman parte do patrimonio cultural da nosa cidade e, en extensión, de toda Galicia”.
Cuéllar presenta un proxecto de desenvolvemento a catro anos vista
Na convocatoria para cubrir o posto de xerente do Consorcio para a Promoción da Música, Cuéllar presentou un proxecto con medidas a curto e medio prazo, unha folla de ruta para propulsar o seu desenvolvemento integral, a nivel artístico e xerencial, ata o ano 2028.
Entre os aspectos valorados polo xurado designado no concurso público que determina a praza, tívose en conta a folla de ruta plantexada por Cuéllar para atender as necesidades do Consorcio cunha perspectiva de 360 graos. Por exemplo, planificando xiras internacionais da OSG e as súas agrupacións para o bienio 2027-28 en Latinoamérica. Ademais, o director e compositor colombiano tamén apostará por reforzar os lazos de colaboración entre a OSG e a Escola Municipal de Música da Coruña, ao que se sumaría un programa piloto con colexios para integrar a música sinfónica nas súas actividades educativas.
A maiores, outra das liñas maestras do proxecto presentado por Cuéllar é a diversificación das fontes de financiación para mellorar a xestión financiera do Consorcio, para o que tamén se plantexa un fortalecemento da súa produción audiovisual, en materia de difusión, abrindo camiño así á súa expansión comercial e dixital a escala internacional.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.