
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, vén de recibir ao alumnado que representou a Carballo no Club de Debate Alingua, un programa cooperativo para alumnado de 3º e 4º da ESO e 1º de bacharelato, así coma dos ciclos formativos correspondentes, que promove e valora o uso oral do galego, o espírito crítico, a tolerancia e o traballo en equipo na mocidade.
O equipo carballés estivo integrado por un amplo grupo de alumnos e alumnas do IES Alfredo Brañas, que se enfrontaron na fase comarcal contra os campións do ano pasado, e que, aínda que non gañaron, regresaron coa satisfacción de ter realizado un bo debate, de aprender, de compartir a experiencia e, sobre todo, de facer novas amizades.
Tanto o alcalde coma os concelleiros Ramón Varela e Maruxa Suárez, a normalizadora Carme Pereiro e o profesorado do IES Alfredo Brañas insistiron na importancia da experiencia “para o futuro, é unha preparación para algo que ao longo da vida ides repetir moitas veces”, destacaron. Para mellorar a argumentación, a hora de enfrontarse a un exame oral, para unha entrevista de traballo… a participación no Club de Debate Alingua ofrece á rapazada “máis seguridade á hora de expresarvos en público e de argumentar”.
Todos os centros inscritos participaron nunha formación conxunta en Narón antes de competir na fase de zona, que se celebrou en Ribeira. O alumnado carballés participou nun debate sobre turismo, e para prepararse contaron coa axuda de Xosé Regueira, concelleiro de Turismo e responsable da mesma área na Deputación da Coruña, co que realizaron unha sesión de traballo.
“Fixéstelo moi ben _dixo Carme Pereiro_, porque era a primeira vez, sodes do curso máis baixo que pode participar e ademais tocáronvos os gañadores do ano pasado. Iso faivos medrar”. O alcalde, pola súa banda, deulles as grazas “por defender a Carballo” e, xa a modo de brincadeira, pediulles que cando se refiran ao seu instituto non digan “o Alfredo” senón “o Brañas ou o Alfredo Brañas, porque Alfredos hai moitos pero Brañas só hai un”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.