
A súa cuarta edición, promovida polo Concello, celebrarase o 9 e 10 de maio e as entradas sairán á venda a próxima semana
RetroFuture Fest celebrará a súa cuarta edición nunha completa fin de semana na que o proxecto crece en espazos, duración e número de artistas. Os próximos venres 9 e sábado 10 de maio, nove artistas actuarán no auditorio e o espazo exterior do Museo Científico Domus e na SkyRoom da sala Pelícano. “Desde o Goberno de Inés Rey buscamos que os nosos espazos máis singulares poidan acoller eventos culturais xenuínos como é o caso deste festival de electrónica”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
O festival presenta unha programación diúrna e nocturna, consolidando xa unha traxectoria de catro anos nos que foi presentando e descubrindo a artistas locais, nacionais e internacionais de diferentes xeracións que exploran as arestas menos coñecidas e convencionais da electrónica contemporánea.
Como sempre, o deseño da programación e o concepto do festival corren da man do promotor e DJ coruñés Fernando Grobas, creador tamén dos eventos RetroFuture, que veñen celebrándose na cidade desde 2018. A programación deste ano acolle ao veterano artista francés The Hacker, representante do techno e o electro vintage de matiz 80’s e 90’s, o dark ambient do austriaco Antechamber, a marcialidade da electronic body music do xeorxiano Downwell, o ambient da rusa Perila, os loops áridos do francés UFO95 e os sons electro do local Fake Robotique, a catalá Spacer e a electrónica multifacética da chilena afincada en Madrid Yngrid.
RetroFuture Fest volve destacar este ano por presentar unha coidada programación de artistas inéditos en Galicia e España, con premiers e debuts, apostando por dotar de personalidade e calidade musical a súa proposta máis aló de modas e convencionalismos. As entradas sairán á venda a semana que vén en www.ocionorte.com.
Programación completa
9 e 10 de maio 2025. Domus – SkyRoom
Artistas (orden alfabético)
∙ 80%BAUL (live) (ES)
∙ Antechamber (live) (AUS)
∙ Downwell (live) (GE)
∙ Fake Robotique (DJ) (ES)
∙ Perila (live) (RUS)
∙ Spacer (DJ) (ES)
∙ The Hacker (DJ) (FRA)
∙ UFO95 (live) (FRA)
∙ Yngryd (DJ) (CL/ ES)
Espazos
RetroFuture Lab (Auditorio da Domus) – venres 9 de maio, 20h.
∙ Antechamber (live)
∙ Perila (live)
RetroFuture Day (Explanada da Domus) – sábado 10 de maio, 17h a 00h.
∙ 80%BAUL (live)
∙ Downwell (live)
∙ Fake Robotique (DJ)
∙ Spacer (DJ)
RetroFuture Club (SkyRoom – Sala Pelícano) – sábado 10 de maio – 00:30h a 06:30h. ∙ The Hacker
∙ UFO95 (live)
∙ Yngryd (DJ)
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.