Saturday 15 de March de 2025

Miño, presente na expedición “Mar de Xeo 2025”, que levará a tres exploradores ao Ártico Canadense


O aventureiro miñense Sechu López forma parte da expedición e esta semana reuniuse no Concello co alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, e o concelleiro de Deportes, José Manuel Pantín.

O Concello de Miño apoia esta apaixonante viaxe.

O Concello de Miño apoia a expedición polar “Mar de Xeo 2025”, unha das aventuras de exploración máis desafiantes dos últimos anos, na que participa o explorador local Sechu López. Este proxecto levará a un grupo de expedicionarios a atravesar, en total autonomía, o Ramal Sur do Paso do Noroeste, no Ártico canadense, esquiando sobre o mar xeado en condicións climáticas extremas.

Sechu López, veciño de Miño e experimentado aventureiro, é un dos tres membros desta expedición que reivindicará a historia das grandes exploracións polares, ademais de poñer en valor a cultura inuit e sensibilizar sobre o impacto do cambio climático nesta rexión do planeta. O reto, que conta co aval da Sociedade Xeográfica Española, supón un importante fito para a exploración europea no Ártico, seguindo os roteiros de lendarios exploradores como John Franklin e Roald Amundsen.

O Concello de Miño reafirma o seu compromiso co deporte e a aventura a través do respaldo a Sechu López nesta travesía única. “É un orgullo para Miño contar cun deportista e explorador da talla de Sechu. A súa participación nesta expedición é un reflexo do espírito de superación e valentía que queremos fomentar na nosa comunidade”, declarou José Manuel Pantín, concelleiro de Deportes do Concello de Miño, no encontro que mantiveron el e o alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, co excursionista.
A expedición “Mar de Xeo 2025” tamén busca divulgar coñecementos sobre a historia da exploración polar e o impacto do quecemento global nas rexións árticas. Ademais, os expedicionarios documentarán a súa travesía mediante imaxes e gravacións, que posteriormente serán presentadas en exposicións e conferencias para achegar esta experiencia ao público.

Desde o Concello de Miño, desexamos a Sechu López e ao resto do equipo da expedición o maior dos éxitos nesta aventura extrema e reafirmamos o noso compromiso coa promoción do deporte, a exploración e a divulgación científica.

Deja un comentario