Saturday 15 de March de 2025

O Concello de Ponteceso redobra esforzos na loita contra as velutinas cunha campaña de trampeo entre a veciñanza


 A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ponteceso tamén está a instalar trampas en puntos estratéxicos das catorce parroquias do concello.

 A entrega de material realizarase o próximo día 21 de marzo, ás 12:00 horas, no salón de plenos do Concello.

 O Concello fai un chamamento á veciñanza para colaborar entre todos e todas para acabar con esta especie invasora que pon en risco os ecosistemas e en perigo a saúde das persoas.

O Concello de Ponteceso pon en marcha a campaña de trampeo primaveral para a captura de raíñas de vespa velutina, unha acción clave para frear a expansión desta especie invasora no municipio. A primavera é o período crucial, xa que as raíñas comezan a crear os niños primarios. A súa captura nesta fase inicial evita a formación de novas colonias ao longo do ano, contribuíndo a minimizar o impacto desta praga no medio ambiente, na apicultura e na seguridade cidadá. A proliferación da vespa velutina representa unha ameaza para os ecosistemas locais, xa que se alimenta de abellas e outros insectos polinizadores, ademais de xerar preocupación entre a poboación polo perigo das súas picaduras.
A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ponteceso está a instalar trampas en puntos estratéxicos das catorce parroquias do concello, priorizando espazos verdes, parques e prazas públicas. Estas trampas están deseñadas para atraer e capturar as raíñas antes de que poidan establecer novos niños. Ademais, co obxectivo de fomentar a participación activa da cidadanía nesta loita contra a vespa velutina, o Concello habilita un formulario en liña para que as persoas interesadas poidan solicitar trampas e líquido atraente, garantindo así unha maior cobertura territorial na colocación destes dispositivos de control.
A distribución do material terá lugar o vindeiro 21 de marzo de 2025, ás 12:00 horas, no salón de plenos do Concello de Ponteceso. Durante o acto de entrega, proporcionarase información sobre o correcto uso das trampas e a súa colocación en lugares axeitados para maximizar a efectividade. Como medida de seguimento e avaliación do impacto da campaña, solicítase ás persoas que recollan as trampas que rexistren e comuniquen ao Concello o número de raíñas capturadas. Estes datos permitirán obter un mapa actualizado das zonas con maior incidencia e adoptar medidas complementarias no futuro.
O Concello lembra que, en caso de detectar un niño de vespa velutina, débese contactar co número 012, servizo a través do cal a Xunta de Galicia coordina a súa eliminación. A erradicación dos niños debe ser realizada exclusivamente por profesionais capacitados, xa que a manipulación indebida pode resultar perigosa.
A colaboración cidadá é fundamental para controlar a propagación da vespa velutina e protexer o ecosistema local. O Concello de Ponteceso reafirma o seu compromiso na loita contra esta ameaza e fai un chamamento á implicación de toda a comunidade para frear a súa expansión. A través desta campaña de trampeo, búscase reducir a presenza desta especie invasora e protexer os sectores máis afectados, como a apicultura, que desempeña un papel esencial na conservación da biodiversidade e na produción agrícola. Xuntos, podemos loitar contra esta ameaza e protexer o noso territorio.

Deja un comentario