
O alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, e o concelleiro de Mar, estiveron hoxe na apertura da nova oficina Es.Mar na localidade, unha das sete que conforman a rede creada pola Consellería do Mar en Galicia. Segundo destacaron dende o Concello esta iniciativa é positiva para facilitar que os fondos europeos cheguen directamente á economía real e ao propio sector marítimo-pesqueiro.
“O importante é que estes recursos beneficien aos pequenos autónomos e traballadores do mar, que son quen sustentan o noso tecido produtivo,” afirmou o alcalde. Cómpre salientar que durante o período 2014-2021 deixáronse sen executar 109 millóns de euros do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP). Ademais, segundo o Consello de Contas, en 2022 a taxa de execución dos 90 millóns dispoñibles para ese ano non chegou ao 50%.
Afondando na xestión dos recursos europeos, Pérez Barral subliñou que agarda que se poidan inxectar fondos directamente no sector do mar para potencialo e axudalo xa que para o período 2021-2027 a Xunta conta con 366 millóns de euros. “É necesario apoiar o sector do mar e analizar o descenso da produción na ría de Arousa para reactivar a actividade deste sector fundamental para o país e máis concretamente para Ribeira” concluíu.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.