
· A liquidación do orzamento correspondente ao exercicio 2024 reflicte a boa senda iniciada no 2023.
Pouco a pouco a xestión económica que está a levar a cabo o Concello de Camariñas, seguindo as pautas marcadas polo Plan de Axuste, está a dar os seus froitos. A última boa nova é o remanente de tesourería que arroxa a liquidación do orzamento correspondente ao exercicio do 2024 e que ascende a 951.104,87 euros.
Esta cifra ven a confirmar a boa senda iniciada no ano 2023, cando se obtivo un remanente positivo de 747.580 euros. O esforzo na xestión económica e o axuste de gastos acometidos polo goberno local fixeron posible obter estes resultados nos últimos dous anos, volvendo a reactivar unha tesourería municipal que no ano 2022 arroxaba un remanente negativo de -182.603,25 euros.
A alcaldesa Sandra Insua explica que “o ano pasado xa puidemos ver os efectos desta mellora económica” e lembra que “puidemos acometer, só con fondos propios a través do remanente, obras para as que hai uns anos teríamos que solicitar a axuda doutras administracións”. “A pavimentación da contorna da capela de Santa Mariña, a renovación do pavimento en Tilleiro, en Mourín, en Arou, na rúa Muíño do Vento ou na Ronda do Vento, a substitución do chan dos parques infantís, a renovación da dársena, a estrutura de madeira de Area da Vila… Todo isto fixémolo co remanente”, salientou.
Ademais, tal e como se indica no informe de Intervención, a obtención deste remanente positivo permitirá destinar unha porcentaxe dos fondos á amortización da débeda, reducindo así os intereses a pagar e dando ao Concello unha situación económica máis desafogada.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.