
Os nenos e nenas mantiveron unha xuntanza co alcalde e varios concelleiros e realizaron un percorrido polas dependencias municipais
Os alumnos e as alumnas de cuarto curso do CEIP A Cristina realizaron a primeira visita deste 2025 á casa do concello. E traían a lección ben aprendida, porque, segundo nos contaron as súas profes, traballaron moito na aula e traían unha morea de preguntas preparadas.
No seu percorrido pola casa do concello, a primeira parada foi no salón de sesións, onde mantiveron unha xuntanza co alcalde, Evencio Ferrero, e os concelleiros de Obras, Luis Lamas; Deportes e Participación Veciñal, Daniel Pérez, e Contratación, Feiras e Mercados e Mocidade, Ramón Varela. Os nenos e nenas interesáronse por todo tipo de cuestións, pero interesáronse, loxicamente, polas que lles tocan máis de preto, como os parques infantís ou as instalacións deportivas. O alcalde explicoulles como serán os tres novos parques que se van construír este ano no Chorís, o Rego da Balsa e a Praza do Outeiro, e o concelleiro de Deportes deulles a coñecer os proxectos para a reforma das pistas do Chorís e para a construción dunha cidade deportiva na zona do Bosque.
Despois de case unha hora de conversa, os escolares saíron do salón de sesións con cadansúa mochila con información e algúns agasallos, e dende alí dirixíronse á parte máis alta do edificio para coñecer como é por dentro o reloxo da casa do concello. De seguido visitaron a oficina de tramitación do DNI e o pasaporte que ten a Policía Nacional na planta baixa do edificio. E tras coñecer a importancia do documento de identidade trasladáronse ata as dependencias da Policía Local, que é unha das paradas favoritas dos nenos e nenas, onde puideron coñecer máis de preto o traballo policial.
Agardamos que despois desta visita escolar, a primeira do 2025, cheguen moitas máis. As portas da Casa do Concello sempre están abertas para a rapazada e para toda a cidadanía.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.