
Atlantic Games Conference celebrará a súa primeira edición os días 4 e 5 de abril coa intención de posicionarse como un evento de referencia para o sector en Galicia
Atlantic Games Conference é un evento profesional de charlas e networking orientado ao sector do desenvolvemento de videoxogos. A primeira edición celebrarase os días 4 e 5 de abril en Galicia, coa intención clara de se converter nun punto de referencia en Galicia. Atlantic Games Conference busca contribuír á consolidación da comunidade local de desenvolvedores e ser un lugar de encontro no que poidan darse a coñecer e poñer a súa experiencia en común con outros desenvolvedores, creadores e afeccionados de toda a península.
Ao evento acudirán invitados nacionais e internacionais de primeiro nivel como Jon Ingold (Inkle), Lorenzo Redaelli (Santa Ragione), François Alliot (Nerial), Sara Cubelos (Hexworks), José Raluy (Electronic Arts) e Alba Calvo (veterana tradutora de videoxogos), entre outros e outras. Carballo converterase os días 4 e 5 de abril no escenario idóneo para se achegar ao desenvolvemento profesional de videoxogos e aprender da experiencia de todos estes profesionais.
O acceso á sala de conferencias será gratuíto pero requirirá de reserva. As entradas están xa dispoñibles na páxina web www.atlanticgamesconference.com, así como no sitio Eventbrite.
As persoas participantes poderán probar máis de 15 proxectos, así como coñecer de primeira man a actividade de diferentes asociacións e outras entidades que terán presenza na zona de exposición, con acceso libre e gratuíto.
A organización porá a disposición do público un servizo de autobuses que conectará Santiago de Compostela con Carballo, e que poden reservar de balde a través do sitio Eventbrite, xunto coa reserva de entradas para o evento.
Atlantic Games Conference é unha iniciativa da Concellaría de Promoción Económica do Concello de Carballo, dirixida e producida por Sara Pérez Lantes e o estudio de desenvolvemento de videoxogos Ao Norte.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.