
Hoxe presentouse na contorna de San Alberto a segunda edición do “Camiño dos Mitos e Lendas”; á presentación asistiron, o segundo tenente de alcalde, Francisco Suárez-Puerta e o artista polifacético e compoñente de Heredeiros da Crus, Tonhito de Poi.
Grazas ao gran éxito que tivo na súa primeira edición. O roteiro, que combina a beleza natural con relatos e lendas locais, capturou o interese de moitos visitantes e residentes, que gozaron da experiencia única que se ofrece neste evento.
Nesta segunda edición, o percorrido promete ser unha experiencia chea de sorpresas. O traxecto discorre por unha contorna natural que ofrece unhas vistas impresionantes e tamén a oportunidade de descubrir vestixios do pasado que son testemuñas de historias fascinantes.
A narración destas historias, que forman parte do rico patrimonio cultural de Ribeira, un ano máis, estará a cargo de Tonhito de Poi, recoñecido polo seu carisma e habilidade para contar historias. Tonhito guiará aos participantes a través desta viaxe, facendo que cada relato cobre vida dunha maneira especial.
A boa acollida do ano anterior motivou a continuidade desta experiencia, coa esperanza de atraer a máis persoas e seguir fomentando o interese polas nosas tradicións e lendas. Sen dúbida, será unha oportunidade perfecta para gozar da natureza, a cultura e nosa historia.
Colomer sinalou que “estas accións ou produtos turísticos teñen como obxectivo desestacionalizar afluencia dos visitantes, a anterior edición foi todo un éxito rotundo onde se achegaron visitantes de Ourense, Lugo, Madrid e de diferentes partes de Galicia; tivemos que deixar xente fora da actividade pola altísima demanda”, por outra banda Tonhito de Poi co halo de misticismo que lle caracteriza adiantou que haberá sorpresas no percorrido e que o guía de camiño será o Sol “imos rematar xunto no lusco e fusco”. Para rematar agradeceu ao departamento de Turismo e por extensión ao Concello de Ribeira por contar novamente co “Camiño dos Mitos e Lendas” con Tonhito de Poi.
Datos de interese do percorrido
O percorrido é un traxecto de 2 km, deseñado para unha experiencia sen complicacións, a partir dos 6 anos. Este traxecto ten unha duración aproximada de 1,5 horas para ofrecer unha experiencia relaxada cun nivel de dificultade medio-baixo.
Horario e cronograma
De 18.30 a 21.30 h
12 de abril, 3 e 24 de maio e21 de xuño
Condicións de participación
1. Reserva de praza: hai 60 prazas dispoñibles. Para participar no roteiro, é imprescindible realizar unha reserva previa. As reservas pódense realizar a través do teléfono 981 873 007 ou na oficina de Turismo do Malecón. O lugar de saída será desvelado no momento da reserva.
2. Entradas nominativas: as entradas son persoais e intransferibles, é dicir, cada entrada está asignada a un participante específico. Non se permitirá a participación de persoas que non estean rexistradas cunha entrada nominativa.
3. Límite de participación: cada participante poderá inscribirse nun único roteiro, dado que as catro roteiros programados son idénticos. Isto establécese para garantir unha experiencia máis enriquecedora e organizada para todos os participantes.
4. Confirmación de asistencia: recoméndase confirmar a asistencia con antelación, xa que as prazas son limitadas e asignaranse por orde de reserva.
Ao realizar a reserva, acéptanse estas condicións de participación. Esperámosvos no roteiro!
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.