Friday 14 de March de 2025

O Concello de San Sadurniño compra en 150.000 euros a parcela e a antiga nave de Carnero


O consistorio pretende rehabilitar as instalacións do servizo de Obras para facelas máis funcionais e mellorar a súa integración paisaxística

A Notaría de San Sadurniño acolleu esta mañá a sinatura do contrato de compra-venda dos terreos e da antiga nave de Carnero, onde se encontran desde hai anos as dependencias do departamento de Obras e Servizos. O acordo, que supón un investimento de 150.000 euros, permitiralle ao Concello converterse en propietario da parcela e do inmoble, de modo que aforrará o alugueiro anual e, ademais, poderá levar a cabo obras de acondicionamento que melloren tanto a funcionalidade das instalacións como o estado xeral da súa contorna. A compra financiarase con cargo a un crédito do IGVS sufragado co Fondo de Cooperación Local, mentres que as obras posteriores poderían conveniarse coa Deputación da Coruña.

A nave en cuestión, de 924 m² construídos, está situada nunha finca no lugar do Outeiro de 9.752 metros de superficie. O edificio principal ergueuse en 1985 para albergar un criadoiro de polos, actividade á que se dedicaría durante varios anos ata ficar baleira. Andando o tempo, o Concello interesouse polo inmoble como base operativa do departamento de Servizos e Obras e, nese sentido, subscribiu hai arredor de 25 anos un contrato de alugueiro co propietario, xa falecido.

Desde que se iniciou o arrendamento, as instalacións da nave utilizáronse como almacén de ferramentas, mobiliario urbano e outros materiais, ademais de ser o lugar onde se atopan os vestiarios do persoal da brigada de obras e onde quedan estacionados os camións e tractores municipais.

O Concello negociou cos actuais propietarios “un prezo asumible e axeitado”, tal e como destaca Secundino García, quen lles agradeceu “as facilidades e a boa vontade” para alcanzar un acordo “moi beneficioso para o Concello, que agora, como titular da propiedade, poderá reparar o edificio e adecentar os seus arredores”.

O alcalde lembra que a finca e máis a nave se encontran a menos de 500 metros do Concello e moi preto do Xubia e do inicio do paseo fluvial e, por este motivo, “é urxente acometer melloras que fagan a nave máis funcional e que integren o resto da finca na trama verde de San Sadurniño”.

A compra concretada esta mañá na Notaría de San Sadurniño veu precedida do correspondente procedemento de negociación pública dos informes favorables da Secretaría municipal. Ademais tamén está avalada polo acordo unánime do Pleno, quen acordou o ano pasado levar adiante a adquisición e financiala cun crédito sen xuros do Instituto Galego de Vivenda e Solo por valor de 150.000 euros. Un importe que a Administración local deberá volver nun prazo máximo de oito anos.

E agora que?
Trala sinatura do acordo de compra-venda, a nave será incorporada ao Inventario Municipal de Bens e inscribirase no Rexistro da Propiedade no prazo máximo de 15 días. Porén, o Goberno Local xa anda retellando nas melloras que precisa o espazo, “Hai moito traballo que facer para reparar a nave e tamén para conseguir unha boa integración paisaxística do edificio e do terreo que ten arredor”, explica Secundino García.

O rexedor engade que, debido ao seu custe -cuantificado en máis de 500.000 euros, segundo un estudo previo-, as actuacións necesarias terán que irse acometendo en fases ao longo dos próximos anos. “A primeira e prioritaria é renovar a cuberta retirando as antigas uralitas e substituíndoas por materiais máis seguros e acordes coa contorna. Nesta primeira fase tamén se prepararía o exterior da nave e da parcela, incluindo os accesos, para mellorar o seu aspecto xeral”.

Pola súa banda, a concelleira de Axenda 2030, Raquel Piñeiro López, insiste en que esta renovación “empregará materiais con cores e texturas que harmonicen co que hai arredor, xunto coa plantación no exterior e no perímetro de vexetación autóctona que axude nesa integración visual e natural que buscamos”. As fases posteriores coas que se acondicionaría o interior da nave e se remataría a adecuación da parcela.

O investimento necesario para levar a cabo a primeira parte do plan está cifrado en 158.750 euros. O Concello agarda subscribir un convenio nominativo coa Deputación da Coruña, de maneira que o ente provincial financie o 80% -127.000 euros- mentres que o 20% restante -os outros 31.750 euros- serían custeados con fondos municipais.

Deja un comentario