
Ademais, o voceiro municipal, José Manuel Lage, anunciou no Pleno a homologación xudicial do acordo con Urbaser que permitirá ao Concello ingresar 8,3 millóns de euros, unha cantidade superior ao custe total das obras de reurbanización dos Cantóns
O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, detallou este xoves no Pleno o acordo acadado con Urbaser para dar por finalizado o litixio mantido coa concesionaria de Nostián a consecuencia da anulación xudicial dos acordos do 2011.
Lage lembrou que, en novembro de 2023, o Concello iniciou o procedemento administrativo para reclamarlle a Albada, concesionaria da planta de residuos de Nostián, a cantidade correspondente ao sobrecusto de xestión dos residuos entre os anos 2011 e 2018. Esta contía foi asumida polo Concello, mais tal e como sentenciou o Tribunal Superior de Xustiza, o custo de tratamento dos residuos rexeitados debía ser asumido pola concesionaria.
A este respecto, e tal como informou Lage a semana pasada, o Concello chegou a un acordo transaccional con Urbaser, coa que se negociou para poñer fin á vía xudicial e que reintegre 8,3 millóns ao Concello, recoñecendo así seu dereito a compensación.
Dito acordo extraxudicial vén de ser homologado polo Contencioso Administrativo número 2 da Coruña, que considera os termos do acordo axeitados “non apreciándose vicio alguno de ilegalidad nin lesión de interese público nin de terceiros”, tal e como detalle o auto asinado polo xuiz. Dito acordo permitirá ao Concello, explicou Lage, ingresar unha cantidade superior ao custe total das obras de reurbanización dos Cantóns posta en marcha esta semana. “Non só acabamos cun problema que vén de moi atrás, senón que garantimos un ingreso de 8,3 millóns de euros que permitirá investir en obras e servizos nesta cidade”, indicou Lage.
Recoñecemento a dúas figuras históricas: Rosa Otero e Ramón Núñez Centella
Rosa Otero e Ramón Núñez Centella, dúas figuras clave no desenvolvemento do tecido social e científico-cultural da Coruña, serán recoñecidos como Filla Adoptiva e Fillo Predilecto da cidade, despois de que o Pleno ordinario do Concello aprobase hoxe, por unanimidade, as dúas propostas de nomeamento.
Esta iniciativa foi o asunto máis destacado na orde do día da sesión plenaria, na que todos os grupos con representación na Corporación municipal rubricaron o xa foi aprobado este luns na Comisión de Honras e Distincións.
Poucos días despois do 8-M, e coa programación de actividades polo Día da Muller en marcha, a alcaldesa, Inés Rey, destacou o legado de Rosa Otero, presidenta da Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios, “a prol da igualdade”. “Sen figuras como Rosa, avances como os que estamos a vivir neste sentido non serían unha realidade. Por iso, queremos homenaxear a Rosa e poñer o valor o seu traballo e compromiso neste eido desde hai décadas”, expuxo Rey.
Otero, nacida en Santiago de Compostela no ano 1940, é unha figura histórica do asociacionismo coruñés. A súa implicación social tamén se fixo palpable na loita contra a drogadicción, traballando a pé de rúa e na concienciación a escala interxeracional fronte as adiccións desde a Asociación Antidroga Antonio Noche.
‘Moncho’ Núñez, o divulgador que sentou as bases dos Museos Científicos Coruñeses
No Pleno de hoxe tamén se aprobou o nomeamento de Ramón Núñez Centella, impulsor dos Museos Científicos Coruñeses, como Fillo Predilecto da cidade.
‘Moncho’ Núñez, nado na Coruña no ano 1946, foi a persoa que concibiu a rede de museos municipais que hoxe integran a Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae, tres espazos de divulgación científica “emblemas do patrimonio cultural da Coruña, recoñecidos internacionalmente e que tamén forman parte da infancia e mocidade de moitas xeracións de coruñesas e coruñeses, que atoparon nestes museos un lugar para espertar a súa curiosidade pola ciencia interactiva e o mundo que nos rodea”, apuntou a alcaldesa.
A proposta de nomeamento de Ramón Núñez como Fillo Predilecto da cidade chega nun contexto moi especial, xa que o vindeiro 1 de xuño se celebra o 40.º aniversario da Casa das Ciencias, inaugurada no parque de Santa Margarida no ano 1985.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.