O mestre e escritor Cipriano Fernández presentou a pasada fin de semana no Auditorio de Riveira dous libros de teatro escolar, A pantasma que non asustaba e O neno de chocolate, editados por Edicións Fervenza na colección A Pinguela.
Ademais do propio autor, o acto de presentación contou coas intervencións da concelleira de Cultura Fabiola García; do profesor e xefe de estudos do colexio Galaxia, Xosé Manuel González; e de Héitor Picallo, natural de Cuntis, quen encargou das ilustracións de ambos volumes.
Todos os comparecentes tiveron fondas palabras de eloxio para Cipriano Fernández, un home amante da literatura e tremendamente comprometido co ensino que con O neno de chocolate quixo abordar a temática do racismo (o argumento ocorréuselle a partir dunha experiencia que lle sucedeu en clase), mentres que A pantasma que non asustaba é un divertimento se ben no seu transfondo fálase desas “millóns de persoas que teñem un traballo que nunca lles será recoñecido”.
Representación teatral
Unha vez concluído o acto, un grupo de alumnos do colexio Galaxia representaron o primeiro acto da obra de teatro A profecía de Nostradamus, escrita por Cipriano Fernández. Quen desexe coñecer o desenlace da mesma terá que esperar á próxima edición da Mostra Teatro Intantil de Riveira, na que está previsto que se represente na súa integridade.
Cipriano Fernández Fernández naceu en Riveira (A Coruña) o 23 de maio de 1952. Estudou Maxisterio en Santiago. Exerce de mestre de ensinanza primaria –agora prexubilado– no Colexio Galaxia da súa localidade.
Desde hai aproximadamente trinta anos realiza actividades de teatro no ámbito escolar a nenos e nenas de idades comprendidas entre os oito e os doce anos.
Escribiu ao redor de sesenta obras de teatro en galego para nenos e nenas, das cales, a maioría delas foron representadas polo grupo de teatro do colexio co gallo do Día das letras Galegas, en festivais benéficos locais, e como xa é tradicional nos últimos anos, na Mostra de Teatro Infantil de Riveira.
No ano 2008 publicou o seu primeiro libro O rei Maragato estaba triste, no ano 2012 publicou o seu segundo libro A nena levantadora de pedras sagradas e no ano 2016 publica en Edicións Ferveza O neno de chocolate e A pantasma que non asustaba.