Friday 14 de March de 2025

O Catálogo de peregrinacións marítimas do Camiño da Ría de Muros Noia 2025 enriquécese coa incorporación de guías turísticos locais


Empresas de Outes e Noia ofrecen os seus servizos de guía turística aos peregrinos que chegan a través do Camiño Marítimo

 

Un dos obxectivos principais da Ría da Estrela e da Asociación de Concellos do Camiño da Ría Muros Noia é promover iniciativas que poñan en valor o atractivo deste destino e que tamén axuden a mellorar a competitividade dos negocios e os profesionais da comarca. Este é o caso de dous emprendedores das localidades de Noia e Outes que veñen de sumar os seus servizos aos ofrecidos no Catálogo de Peregrinacións Marítimas 2025 pola navieira Sailway, o Monterreal Club de Yates de Baiona e a Asociación de Náuticos de Galicia (ASNAUGA).

 

“Estamos falando de dous profesionais implicados dende o primeiro momento no desenvolvemento tanto do xeodestino como do camiño xacobeo e que ofrecen uns servizos de guía turístico que non entran en competencia coas tres entidades promotoras deste Camiño Marítimo, senón que cubre aspectos complementarios e enriquecen a oferta ao turista e ao peregrino”, explica Santiago Freire, presidente da Ría da Estrela e da Asociación de Concellos do Camiño da Ría Muros Noia.

 

De feito, Freire Abeijón pon en valor as reunións periódicas que se están a celebrar con representantes de asociación, entidades, colectivos e empresas da comarca “para coñecer as súas propostas, inquedanzas e servizos para seguir avanzando xuntos. Contamos cun produto único, unha experiencia inesquecible que non pode ofrecer ningún outro camiño xacobeo que é peregrinar a Compostela coa familia ou as amizades a bordo dun veleiro, como fixeron milleiros de peregrinos dende a Segunda Cruzada. Se ademais podemos enriquecer esa oferta con servizos de empresas ou emprendedores locais, moito mellor”.

 

Antonio Peto e Paula Alonso

 

Este é o caso de dous emprendedores, Antonio Peto e Paula Alonso, que veñen de sumarse ao Catálogo de Peregrinacións Marítimas 2025. Así, “Tremuzo, historia e patrimonio” (Outes) e “Noia sancosmeira” (Noia) ofrecen xa os seus servizos de guía turística no catálogo presentado en dous dos salóns de turismo máis importantes do mundo: a ITB Berlín e FITUR.

 

Antonio Peto é un experto camiñante que ofrece percorridos e rutas turísticas pola ría, desentrañando os seus secretos e descubrindo os seus recunchos máis fermosos. Ademais, “Tremuzo, historia e patrimonio” tamén xestiona outros servizos para maior comodidade do visitante tales como aloxamento, restaurantes, servizo de taxi ou traslado de mochilas. Uns servizos que se poden contratar chamando ao 636 052 463, poñéndose en contacto a través do e-mail tremuzohp@gmail.com ou mediante a web www.tremuzopatrimonio.es.

 

Pola súa banda, Paula Alonso é unha guía oficial cunha gran experiencia en todos os municipios da Ría da Estrela. Con “Noia sancosmeira”, os turistas e peregrinos poden descubrir dunha forma amena todos os recursos históricos da comarca, así como achegarse ao enorme valor etnolóxico das súas tradicións, como por exemplo os sombreiros que dan nome á empresa. Unha forma especial de achegarse ás persoas e tradicións da ría que pode contratase chamando ao 686 944 020, a través do correo electrónico info@noiasancosmeira.com ou mediante a páxina www.noiasancosmeira.com.

 

Experiencia única

 

O Catálogo de Peregrinacións Marítimas 2025 ofrece peregrinar a Santiago a través dunha ría e duns portos cunha longa tradición xacobea. Tres operadores (Sailway, ASNAUGA e o Monte Real Club de Yates de Baiona) presentan unha ampla variedade de experiencias ao peregrino, que inclúen distintos percorridos, visitas, aloxamentos e experiencias gastronómicas que se adaptan tanto á capacidade económica como á dispoñibilidade de tempo do cliente. Iso si, todas estas ofertas teñen un punto en común: inclúen un mínimo de 90 millas náuticas en veleiro e realizar os últimos 12 quilómetros a pe para así obter a Compostela, xa que se trata dunha ruta amparada pola Oficina do Peregrino.

 

Toda a información e as contratacións poden realizarse dende as páxinas web www.caminomaritimo.gal, www.caminomaritimo.es e www.caminomaritimo.com.

Deja un comentario