Friday 14 de March de 2025

O Concello estende o plan de renovación e mellora do firme aos barrios de Elviña, Catro Camiños e a Falperra 


Os traballos, que arrincarán nos vindeiros días, levaranse a cabo principalmente na rotonda das Paxariñas e no ramal da avenida Alfonso Molina que dá acceso á rolda de Outeiro, en dirección á estación intermodal 

Nos vindeiros días, o Concello porá en marcha unha nova quenda de traballos para a renovación do firme na cidade, que nesta ocasión se executará na rotonda das Paxariñas, no ramal de acceso da avenida de Alfonso Molina á rolda de Outeiro —en dirección á estación intermodal— e tamén con dúas actuacións máis reducidas na contorna da fonte de Catro Camiños e na rolda de Nelle. 

As obras levaranse a cabo, na súa meirande parte, en horario nocturno, co obxectivo de non dificultar os desprazamentos ao longo da xornada laboral. “Cada intervención deste tipo é analizada e planificada polo miúdo, co obxectivo de lles evitar prexuízos innecesarios ás veciñas e veciños. Neste caso, polos percorridos que son e polos intensos fluxos de mobilidade aos que están expostos, os traballos sobre a calzada levaranse a cabo pola noite para minimizar o impacto que pode ter no día a día da cidadanía, especialmente en termos de transporte”, explicou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz. 

O punto de partida, a rotonda das Paxariñas 

Os traballos arrincarán este domingo 16 pola noite no óvalo da rotonda das Paxariñas. Xa a posteriori, os operarios traballarán por fases na contorna da fonte de Catro Camiños —onde se aproveitarán as actuacións para mellorar a súa rede de rega— e o ramal de acceso de Alfonso Molina á rolda de Outeiro. 

A isto sumarase outra intervención entre a Falperra e o leste dos Mallos. Será na rolda de Nelle, no seu sector lindeiro coas rúas Ribadavia, Río Sarela e Río Sil, onde se renovará o firme nunha superficie de 550 metros cadrados.

A segunda gran quenda de pavimentado deste 2025 tras a do Paseo Marítimo 

Os traballos para renovar o firme previstos en Elviña e Catro Camiños dan continuidade ao cronograma de melloras establecido pola Concellaría de Infraestruturas e Mobilidade neste primeiro semestre de ano. 

Neste sentido, o Concello actuou entre xaneiro e febreiro ao longo das Lagoas, a avenida Pedro Barrié de la Maza e tamén en diversos treitos da avenida de Hércules e a estrada de Circunvalación, “espazos do Paseo Marítimo e do barrio de Monte Alto onde era necesario actuar sobre a calzada atendendo ao fluxo diario de tráfico rodado e tamén á progresiva erosión do aglomerado”, razoou Noemí Díaz. 

Nesa primeira quenda de traballos, o investimento destinado polo Goberno de Inés Rey ás actuacións foi de case 400.000 euros. Agora, destinaranse outros 100.000 para sufragar as melloras nas Paxariñas e no vial de acceso de Alfonso Molina á rolda de Outeiro.

Deja un comentario