Friday 14 de March de 2025

O director e compositor Óscar Navarro, recoñecido na súa traxectoria cun nomeamento aos Goya, será o convidado da Banda Municipal este domingo 16


Navarro levará a batuta nun concerto aberto ao público no que, ademais, cobrará protagonismo o solista de violín Daniel Vlashi, coruñés que está a dar os seus primeiros pasos na Filharmónica de Berlín

A Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC) chega este domingo a unha das súas grandes citas desta tempada do Ciclo de Inverno: o concerto que dirixirá o alacantino Óscar Navarro, formado entre España e os Estados Unidos, e que actualmente forma parte da Academia del Cine Español e dos Latin Grammy como académico.

Navarro, oriúndo de Novelda, conta con máis de vinte galardóns na súa traxectoria, tamén cun nomeamento aos Goya. Foi no ano 2014, pola longametraxe ‘La mula’, na categoría de Mellor Banda Sonora Orixinal. Agora, será o convidado especial da BMMC na súa nova actuación.

Neste sentido, o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou a calidade e variedade da programación da Banda Municipal, “que está a abrir o seu abano de xéneros e colaboracións, con experiencias moi positivas, tanto con artistas internacionais como do país, consagrados e tamén emerxentes, unha filosofía á que lle daremos continuidade no concerto desta fin de semana”.
O director titular da Banda Municipal, Juan Miguel Romero Llopis, explicou que, no contexto da tempada sinfónica da BMCC “sempre contamos cun monográfico sobre un director e compositor vivo, o que facilita o convite para que dirixa as súas propias obras”. Óscar Navarro, “unha figura mediática que chega nun punto moi doce do seu percorrido profesional”, será o convidado nesta nova cita cultural coa Banda.

Como xa é habitual, o concerto deste domingo 16 terá lugar no Teatro Colón (12.15 horas) e será de acceso libre, ata se completar a capacidade prevista no auditorio.

O coruñés Daniel Vlashi, protagonista como solista de violín

Outra das figuras destacadas no contexto da actuación será o coruñés Daniel Vlashi, que participará como solista de violín no primeiro bloque do programa musical da xornada.

Vlashi, que está a dar os seus primeiros pasos como violinista da Filharmónica de Berlín, leva a música no seu sangue, xa que o seu pai, Florian, é un dos violinistas que integran a Orquestra Sinfónica de Galicia, e a súa nai, Rediana, cellista, traballa como profesora de música.

Deja un comentario