Thursday 13 de March de 2025

O Concello dotará á Escola Unitaria de Viñas dun servizo gratuíto de Madrugadores


O executivo local duplica a cobertura das familias con este recurso de conciliación que ofrece, xa que existía no centro infantil de Areas

Ambas as dúas escolas acadan “unha oferta educativa e conciliadora inigualable”, que se engade á remodelación que hai uns meses impulsou o goberno municipal para mellorar as súas instalacións e recursos

A Escola Unitaria de Viñas contará cun servizo gratuíto de Madrugadores a partir do próximo curso escolar. O goberno local de Paderne, dirixido por Sergio Platas, apostará por destinar unha partida de recursos nos orzamentos a sufragar os custos desta atención complementaria á oferta educativa do municipio.

Deste xeito, o executivo padernés duplica a cobertura das familias con fillos ou fillas nas Escolas Unitarias do municipio, que ofrecen unha atención no centro antes do inicio da xornada escolar para favorecer a conciliación de horarios. Este servizo que se poñerá en marcha en Viñas compleméntase co xa existente en Areas -que conta tamén con transporte-, o que consolida as prestacións ofrecidas polo Concello.

Así, o Concello de Paderne continúa apostando polas dúas escolas infantís do municipio a través da súa campaña ‘Educa en Paderne, educa na casa’, coa que busca difundir as potencialidades destas unitarias e fomentar a matriculación da rapazada de tres a cinco anos nelas.

Ambos os dous centros son públicos -dependentes da Xunta de Galicia- e, polo tanto, contan coa matriculación gratuíta nunha praza que permite aos nenos e nenas da etapa infantil recibir unha educación moito máis personalizada, baseada nas súas particulares necesidades, construída a través da constante experimentación e cuns valores vinculados ao respecto polas outras persoas, pola natureza e pola identidade e costumes propias da terra. Precisamente por esta cuestión, o Concello elixiu o nome da campaña, xa que gozar da educación nas unitarias é contar con todas as vantaxes que suporía estudar no propio fogar.

Esta iniciativa chega despois de culminar as obras de mellora nos centros educativos de Viñas e Areas, que sufriron unha remodelación para mellorar as súas instalacións e ofrecer un mellor servizo ás familias. Despois dun investimento total que estivo preto dos 100.000 euros, financiados con fondos propios, ambas as dúas escolas gozan xa dunha mellor imaxe en cuestión de infraestrutura e mantemento, ademais de contar con parques infantís máis modernos e seguros.

Deja un comentario