
— Ángeles Vázquez pon en valor esta iniciativa para seguir buscando solucións innovadoras ás cuestións ambientais e fomentar boas prácticas cidadás neste eido
— Incide en que o Ceida é un exemplo a seguir, tal e como demostra o interese dunha ducia de representantes de seis países por coñecer en profundidade o traballo que realiza co obxectivo de replicar o seu modelo nos seus territorios
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou hoxe que Galicia impulsa a creación dunha rede internacional de centros de educación socioambiental en América Latina e en países de lingua portuguesa para fomentar a formación e o intercambio de experiencias.
Durante a reunión que mantivo esta mañá cos participantes na Reunión internacional de educación ambiental, que organiza o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida), e que se celebra ao longo desta semana en Oleiros, a conselleira puxo en valor esta iniciativa de cara a “seguir buscando e aportando solucións innovadoras ás cuestións ambientais e para fomentar as boas prácticas cidadás neste eido”.
Nesa liña, Ángeles Vázquez subliñou que a formación ambiental é fundamental tanto para facer fronte ao cambio climático como para garantir a preservación do noso patrimonio natural. Así, avogou pola creación de centros que sirvan como referencia para o encontro e o intercambio de experiencias, o impulso de programas innovadores e o fomento da investigación e o estudo nesta materia.
Ademais, segundo dixo a conselleira, esa cooperación internacional contribuirá á planificación, implantación e fortalecemento de políticas públicas vinculadas coa divulgación e sensibilización ambiental para avanzar cara a sociedades máis sostibles.
De feito, Ángeles Vázquez incidiu en que o Ceida é un exemplo a seguir nese camiño, tal e como demostra o interese dunha ducia de representantes de seis países –Brasil, Colombia, Säo Tomé e Príncipe, Timor Leste, Cabo Verde e México- por participar no encontro que se celebra esta semana no castelo de Santa Cruz para coñecer en profundidade o traballo que realiza o organismo co obxectivo de replicar o seu modelo nos seus territorios.
Cómpre lembrar que o Ceida, que é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta, a Universidade da Coruña e o Concello de Oleiros, ten como obxectivo promover a educación ambiental en todos os sectores a través da organización dunha ampla oferta de actuacións de dinamización, sensibilización, divulgación, formación e comunicación, así como de asesoramento en documentación.
Así, ao longo do ano pasado impartíronse un total de 1.525 accións formativas e de divulgación nas que participaron 48.332 persoas, superando os datos rexistrados en 2023, no que se realizaron 1.493 actividades e houbo 47.530 participantes. Polo tanto, en 2024 as actuacións desenvolvidas aumentaron un 2,14% e os asistentes, un 1,68%.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.