Wednesday 12 de March de 2025

Isabel Risco trae este sábado á Casa da Cultura de San Sadurniño as mulleres máis bravas da nosa historia


Prosegue a programación municipal co gallo do 8M

 

As mulleres que fixeron historia en Galicia subirán ao escenario da Casa da Cultura este sábado a partir das 19:00h da man de Isabel Risco. E é que a actriz e monologuista traeranos o seu espectáculo unipersoal “Bravas” no que reivindica o papel fundamental das mulleres na construción da nosa historia e do noso devir. A entrada é gratuíta, pero será necesario facer reserva previa no teléfono 616 332 919 ou a través do correo electrónico agustin.perez@sansadurnino.gal. Trátase dunha proposta encadrada nas actividades do Día Internacional da Muller que organiza durante todo este mes a Concellaría de Igualdade. Chega a San Sadurniño co apoio da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

En “Bravas”, Isabel Risco mergúllase nun percorrido histórico desde a era castrexa ata un hipotético futuro, encarnando diferentes figuras femininas que simbolizan a loita, a resistencia e a determinación das mulleres galegas. Cunha mestura de humor, sátira e compromiso, a actriz ofrece unha proposta chea de enerxía que busca entreter ao público ao mesmo tempo que convida á reflexión.

A posta en escena caracterízase polo dinamismo e a versatilidade interpretativa de Risco, quen se vale da linguaxe corporal, do humor absurdo e da interacción co público para construír unha experiencia teatral única. A través de personaxes extravagantes e situacións inesperadas, “Bravas” pon de manifesto a invisibilización histórica das mulleres e reivindica o seu papel esencial na configuración da identidade galega.

O espectáculo, recoñecido co III Premio Luísa Villalta de Igualdade da Deputación da Coruña, consolidouse como unha das propostas máis relevantes do teatro galego actual.

Cunha combinación de entretemento e conciencia social, “Bravas” é unha cita ineludible para quen queira gozar dunha obra comprometida, divertida, chea de vida e en clave feminina e feminista. Poderemos pasalo ben con Isa Risco este sábado a partir das 19:00h na Casa da Cultura con entrada gratuíta, que poderá reservarse de maneira anticipada a través do teléfono 616 332 919 ou do correo agustin.perez@sansadurnino.gal.

Máis cousas co gallo do #8M
Ademais de “Bravas” a programación municipal con motivo do 8M tennos preparadas máis cousas. A seguinte tocará o sábado 21 tamén ás 19:00. O Concello e a Asociación Cultural Brío organizan unha pixamada de cine en Igualdade na que convidan á cativería a vir pasar á Casa da Cultura un serán de cine con manta, pixama e flocos de millo. Proxectarase “Ainbo: la guerrera del Amazonas”, que é un filme de animación con mensaxe ambiental e de empoderamento feminino. Ao seu remate haberá un pequeno cineforo conducido pola Axente de Igualdade para comentar a película coas nenas e nenos.

A seguinte -e última- actividade será o obradoiro colectivo de escultura que dirixirá a artista Saila Chao López o sábado 29 de marzo ás 11:00h no local social de Santa Mariña do Monte, coa colaboración da ACRD de Santa Mariña do Monte.

As persoas participantes construirán con cartón prensado varias partes dunha mesma figura. Unha vez rematadas uniranse todas nunha escultura representativa da unión e a rede de coidados que supoñen as mulleres as unhas para as outras e para toda a veciñanza. Para asistir ao obradoiro fai falla inscrición previa no 695 876 178 ou mandando un correo a oriana.lopez@sansadurnino.gal.

Deja un comentario