
A concelleira de Educación, Míriam Louzao, acompañada da presidenta da Federación de ANPAS Compostela, Esther Martínez, presentou esta mañá en rolda de prensa o novo servizo de comedores co que contarán as escolas unitarias de Gaioso no Eixo, de Rial en Laraño e de Bispo Teodomiro en Marrozos a partir do vindeiro curso. Esta “solución temporal” ata a posta en marcha do novo modelo de comedores, estará financiado polo Concello de Santiago e xestionado pola FANPA en virtude dun convenio entre ambas entidades.
Míriam Louzao anunciou a posta en marcha desta nova prestación coa que se equiparan os servizos complementarios das escolas unitarias do rural cos que se ofertan nos CEIP, “non só porque sexa de xustiza para as crianzas e familias que asisten a esas escolas, senón tamén porque ofrecer eses servizos é clave para captar novo alumnado e fixar o que xa está no centro e que así estas escolas deixen de estar en risco de peche curso tras curso”.
A concelleira indicou que entre o Concello e as familias optouse por esta “solución temporal” como a máis “idónea” para prestar este servizo nas escolas unitarias do rural durante o vindeiro curso e ata que non entre en funcionamento o novo modelo de comedores e a ordenanza fiscal que o acompañará.
Servizo de comedor
Segundo explicou a edila, a FANPA será a encargada de xestionar e coordinar este servizo no día a día nas escolas unitarias de Gaioso (O Eixo), de Rial (Laraño) e de Bispo Teodomiro (Marrozos) que se prestará a través dun catering e terá un custo de 4,5 euros por menú, o mesmo prezo que nos CEIP. Para isto, Concello e FANPA asinarán un convenio que virá acompañado dunha subvención nominativa para a Federación, incluída nos orzamentos para este ano 2025.
Ademais, co obxectivo de adaptar os espazos de cada unha destas escolas a este novo servizo, durante este verán levaranse a cabo unha serie de actuacións nos tres centros, no marco do plan estival de labores de mantemento e mellora na rede de centros de educación infantil e primaria públicos. “Ao mesmo tempo, estamos traballando xa, en colaboración coa FANPA, nos trámites administrativos coa Xunta de Galicia para as autorizacións pertinentes que contempla a normativa”, detallou a concelleira.
Compromiso co rural
Míriam Louzao amosouse moi satisfeita de “poder impulsar esta medida tan demandada pola comunidade educativa, que vai favorecer a conciliación da vida persoal, laboral e familiar” coa que se poderá “corrixir situacións que xeren desigualdade” mentres que se implanta o novo modelo no que as escolas rurais estarán plenamente integradas no rede de comedores do Concello de Santiago. A edila tamén agradeceu a colaboración da FANPA, e congratulouse da óptima colaboración desenvolvida entre a institución e familias para poder ofrecer esta “solución temporal”.
Por último, a concelleira animou a que todas as familias potencialmente interesadas ou que aínda non escolleron o centro para as súas fillas e fillos, “poidan valorar as escolas infantís rurais do noso Concello e non teñan que desplazarse ata a zona urbana para ter acceso a todos os servizos” e recordou que aínda teñen de prazo de matrícula ata o 20 deste mes. Neste sentido, reiterou o compromiso do Concello co “rural e co dereito que teñen as persoas que alí viven a acceder aos mesmos servizos que as familias da zona urbana”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.