O Tempos para compartir do mes de marzo trasladouse a unha antiga casa de labranza rehabilitada no lugar de Correlo, en Naraío, para mostrar o proceso de elaboración do pan. A razón principal foi loxística, xa que para este obradoiro fixo falla un forno de leña tradicional e espazo suficiente para acoller ás 20 persoas que se inscribiron na actividade e algunha máis que se achegou para ver a cocedura. Na práctica foron dous Tempos… nun só, posto que mentres Lois Anxo Rodríguez e Pilar Charlón explicaban métodos modernos de panificación caseira, Juan Vega e Manolo Varela desenvolvían en paralelo o ritual das fornadas de toda a vida. O resultado dos dous obradoiros: pan quentiño de distintos tipos para degustar e comparar.
O inicio do Tempos para compartir estaba fixado para as 17.00h. pero o certo é que a cousa xa comezara case dúas horas antes, cando Juan e Manolo empezaron a quentar o forno. Unha cuestión que, coma todo, ten a súa técnica. A leña debe ser fina e estar enxoita para que o lume sexa vivo desde o primeiro momento. Ademais cómpre ir movéndoo polo lar do forno para que as pedras collan calor de forma uniforme ata que branquean por completo, sinal inequívoco e termostato visual infalible de que alcanzou a temperatura ideal.
Mentres quecía o forno, no interior da casa Lois Anxo e Pilar explicaban os principios científicos que actúan na conversión da fariña nunha masa viva e, especialmente, como se comportan os distintos lévedos que se poden empregar. Os dous docentes do colexio público simplificaron o proceso elaborando pan cunha panificadora doméstica, coa que só fai falla mesturar os ingredientes, darlle a un botón e agardar a que se faga. Iso si, atendéndolle ben ás proporcións de auga, sal, fariña e levadura e sabendo en que momento se lle poden engadir outros ingredientes -noces, pasas, pebidas de chocolate, etc- para sacar un pan máis creativo.
No tempo en que se impartía a sesión teorico-práctica, o forno e maila masa preparada fóra estiveron listos para empezar a cocer. Alí a tarde pasaba máis de vagar entre contos e anécdotas sobre a vida e unha certa expectación por parte do xefe panadeiro polo resultado final da fornada, habida conta de que cada forno é un mundo e que esta era a primeira vez que quentaba as pedras da casa de Correlo. Sobre as 19.00h. empezouse a cocer. Primeiro varreuse ben o forno para limpalo e para axudarlle a desbafar -evacuar a calor do lume recente para quedar só coa que desprenden as paredes- e despois meteuse a bola. A masa é a mesma que a do pan, só que vai máis achatada que os bolos e é tamén un bo referente da temperatura que ten o forno. Antano a bola era o único pan que se comía no día e os moletes que se enfornaban despois só se encetaban ao día seguinte para evitar que embecerren (que a masa quede demasiado compacta e gomosa por unha mala fermentación, unha mala cocción ou por romper a codia do bolo antes de que enfríe por completo).
No obradoiro non había tempo para agardar o que marcan os cánones da tradición panadeira, e por iso os bolos cortáronse cando aínda estaban mornos e, por certo, tamén exquisitos. En total saíron do forno de Correlo unha bola, oito moletes e dous pans de molde recheos con froitos secos e chocolate. Viandas que, nunha parte, se degustaron no momento acompañadas de queixo semicurado do Casal e das que todas as persoas participantes levaron a proba para a casa.
Tempos para compartir é un programa impulsado polo departamento de Igualdade que busca o intercambio de coñecementos e a promoción das relacións sociais no municipio. Organízase todos os primeiros sábados de mes e calquera persoa que queira propor un obradoiro para mostrar o que sabe facer pode chamar ao 981 490 027 (ext.1). A ese teléfono é ao que tamén cómpre chamar para inscribirse na actividade como participante.