Wednesday 12 de March de 2025

O Concello de Frades manifesta o seu pesar pola morte de José María Botana López, Fillo Predilecto do municipio


O Concello de Frades manifesta o seu pesar pola morte de José María Botana López, Fillo Predilecto do municipio que dá nome ao edificio multiúsos de Cimadevila, tal e como acordara por unanimidade a corporación municipal en decembro de 2010. Así mesmo, quere trasladar o seu máis sentido pésame á súa familia e amizades.

Nacido en Frades no ano 1933, a súa familia é oriunda da parroquia de Vitre. Fillo de José María Botana Sánchez, que foi secretario municipal no Concello de Frades, e de Josefa López Díaz-Varela, mestra en varias parroquias do municipio, residiu ata os 11 anos en Cimadevila. Unha familia que fóra a propietaria do inmoble que alberga a actual casa consistorial, xa que mercaran este edificio para albergar a escola e as dependencias municipais. Na actualidade vivía na Coruña.

Fillo predilecto

Maxistrado xubilado do Tribunal Supremo, José María Botana López foi nomeado Fillo Predilecto do Concello de Frades nun acto celebrado o 7 de marzo de 2011, nun acto que contou coa presenza de máis de medio milleiro de veciños e veciñas do municipio e do daquela presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo.

Un acto no que asegurara que “sempre presumín de ser de Frades, de onde son os mellores grelos do mundo”. Ademais, agradecera especialmente que a corporación municipal decidira darlle o seu nome ao multiúsos xa que consideraba que era “un edificio símbolo da transformación do pobo de Frades, que cando nacín non tiña ningunha comodidade e se transformou nunha sociedade do século XXI”.

Destacada carreira profesional

José María Botana López era maxistrado xubilado do Tribunal Supremo, con destino na Sala Cuarta do Social. Tomou posesión do seu cargo o 9 de marzo de 1998, en virtude do real Decreto 293/98 de 26 de febreiro, sendo nomeado maxistrado emérito por acordo do Pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial de 12 de maio de 2004.
Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela no 1955 e doutor en Dereito cun laude pola Universidade da Coruña no mesmo ano, ingresou na Carreira xudicial na Novena Promoción da Escola Xudicial, sendo nomeado xuíz de primeira instancia e Instrución de entrada con destino en Belchite. Foi promovido a Maxistrado de Traballo, con destino na Maxistratura Nº 2 de Vigo (1973), de onde foi trasladado no 1979 á Maxistratura de Traballo Nº 3 da Coruña, ata que foi nomeado Maxistrado da Sala do Social do Tribunal Superior de xustiza de Galicia, cargo do que tomou posesión o 23 de maio de 1989.

Desempeñou en Comisión de servizo en diversos xulgados de Galicia: Corcubión, Noia, Chantada, Lugo e outros. No ano 1997 foi nomeado Presidente da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, cargo do que tomou posesión o 5 de setembro de 1997, cesando no mesmo ao ser promovido a maxistrado do Tribunal Supremo, cargo no que se mantivo ata a súa xubilación en 2004.

Foille concedida a Cruz Distinguida de 2ª clase de San Raimundo de Peñafort por Orde de 22 de xaneiro de 1972, polo seu labor no Xulgado de Primeira instancia e instrución de Cambados. Realizou diversas publicacións individuais e colectivas e ten presentado numerosas ponencias en cursos e congresos.

De 1990 a 1998 exerceu como profesor asociado de tipo 3 da área de Dereito de Traballo e de Seguridade Social da Facultade de Dereito da Universidade da Coruña ata que cesou ao ser promovido a Maxistrado do tribunal Supremo. Foi ademais profesor titor da UNED de Dereito de Traballo e Seguridade Social no Centro Asociado da Coruña (1985-1998) e académico de número e Secretario Xeral da Academia Galega de Xurisprudencia.

Deja un comentario