
A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta nova edición, na que se asinaron 56 convenios de colaboración con asociacións do terceiro sector da Coruña
O Concello da Coruña, a través da Fundación Emalcsa, e en colaboración coa Fundación María José Jove e Vegalsa-Eroski, reafirma un ano máis a súa aposta polo programa Cultura Accesible e Inclusiva demostrando o seu impacto social ao ser capaz da creación dunha sociedade mellor e máis accesible e inclusiva a través da cultura. Na súa novena convocatoria financiaranse 14 proxectos, que serán desenvolvidos durante o 2025, cos que o programa se consolida como un referente na promoción da accesibilidade e inclusión cultural, beneficiando, especialmente, a colectivos en risco de exclusión e persoas con diversidade funcional.
Os proxectos foron presentados esta mañá no Palacio Municipal de María Pita, nun acto que estivo presidido pola alcaldesa, Inés Rey, acompañada de Nereida Canosa, concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade. Tamén participaron no acto a presidenta da Fundación María José Jove, Felipa Jove, e a directora de Sostibilidade e Comunicación Corporativa de Vegalsa-Eroski, Gabriela González. Ademais, estiveron presentes dúas persoas beneficiarias destas axudas, que expuxeron a súa experiencia co programa. Tratouse de Rey DJ, do proxecto DJ Inclusivo, e Anastassia Khomych, da Asociación Cultural Noites de Bohemia.
“O acceso á cultura non pode depender da situación económica, da orixe, da idade ou da diversidade funcional. Debemos garantir que os nosos teatros, museos, bibliotecas e centros culturais sexan espazos abertos, accesibles e inclusivos”, sinalou a alcaldesa. Rey agradeceu a estreita colaboración da Fundación María José Jove e de Vegalsa-Eroski, que patrocinan este programa desde a súa orixe no ano 2015. “Para que a cultura sexa verdadeiramente enriquecedora, debe ser inclusiva, e para logralo, é imprescindible a colaboración institucional e a colaboración público-privada. Non podemos construír unha cultura aberta e accesible sen o traballo conxunto de administracións, entidades privadas e sociedade civil”, sinalou.
A convocatoria permite a posta en marcha de actividades en disciplinas como teatro, música, artes visuais ou cine, garantindo que a cultura sexa un dereito para todas as persoas. Un ano máis, o programa reafirma o seu compromiso coa igualdade de oportunidades no ámbito cultural e continúa ampliando o seu alcance en cada nova edición.
A IX Convocatoria de Cultura Accesible e Inclusiva
O programa Cultura Accesible e Inclusiva segue avanzando na súa misión de facer da cultura un espazo sen barreiras. Durante o curso 2024-25 estase levando a cabo a súa novena convocatoria que, cun orzamento de 100.000 euros, financia 14 novos proxectos que fomentan a participación de colectivos vulnerables en actividades culturais.
A través desta nova edición do programa, continúase apoiando iniciativas que garantan o acceso á cultura para todas as persoas, con especial atención a colectivos en risco de exclusión social e persoas con diversidade funcional. Ademais, mantense o compromiso de realizar proxectos que fomenten a diversidade, a igualdade de acceso e a creación de espazos culturais inclusivos.
As 14 entidades culturais seleccionadas son: Asociación Poten100mos, Asociación Cultural Coruñesa Negus, Asociación Amigos do Museo de Belas Artes, Asociación Cultural Noite Bohemia, Asociación Cultural Tres por Cuatro, Viraventos, ESE8, Asociación Cultural para a Integración Social (Diversos), Asociación Cultural Aïs, Asociación Cultural Albatros, Asociación Xuvenil Atlántica, Asociación Por Qué no Ayudar, Asociación Socio Cultural Acampa, Sociedade Filatélica de A Coruña.
Os proxectos desta convocatoria abarcan disciplinas como o cine, a música, as artes visuais e escénicas, entre outras, promovendo a participación de colectivos en risco de exclusión social e persoas con diversidade funcional.
● Miradas Diversas, da Asociación Cultural Albatros. Un taller de creación audiovisual inclusivo dirixido a persoas con discapacidade intelectual e enfermidades mentais que fomenta a súa participación activa na produción audiovisual.
● Filatelia e Postcrossing pola Cultura Accesible, da Sociedade Filatélica da Coruña. Unha exposición de material filatélico recollido en anteriores edicións do programa, complementada con sesións de intercambio de postais como ferramenta de sensibilización.
● ARCO, da Asociación Cultural Noite Bohemia. Un proxecto que empresa as artes escénicas como medio para traballar valores como o respecto, a colaboración e a inclusión entre a mocidade.
● Xpresa – Taller Cinematográfico de Inclusión Social, de ESE8. Un proxecto que permite a mozos e mozas con capacidades diversas expresarse a través da linguaxe audiovisual, promovendo a súa creatividade da man de profesionais do sector.
● Un museo en movemento, da Asociación Amigos do Museo de Belas Artes. Unha iniciativa que empresa a realidade virtual para achegar o Museo de Belas Artes a colectivos que teñen dificultades para desprazarse, levándoo ata os seus propios espazos.
● DJ Inclusivo, da Asociación Cultural Negus. Un proxecto que emprega a música e a figura do DJ como ferramenta de inclusión social, permitindo a persoas con diversidade funcional e en risco de exclusión explorar a súa creatividade a través da produción musical.
● Freestyle Inclusivo, da Asociación Poten100mos. Unha formación en rap e poesía creativa para persoas con discapacidade e mozos e mozas en risco de exclusión social, traballando tanto a expresión artística como a confianza escénica e a inclusión laboral.
● MIP: Músicas Inclusivas e Participativas, da Asociación Cultual Tres por Cuatro. Un programa de musicoterapia que, a través da interpretación de mantras e ritmos participativos, fomenta a concentración, a psicomotricidade e o benestar emocional dos participantes.
● XpresaT pola Diversidade, da Asociación Viraventos. Un proxecto de comunicación social que busca dar voz á mocidade en temas globais como a igualdade de xénero, a educación intercultural e participación social promovendo contidos audiovisuais que reflicten a diversidade e fomenten a inclusión.
● A proxección sonora IV: universos, signos e constelacións, da Asociación Cultural AÏS. Unha proposta que achega a música e as artes contemporáneas a persoas con discapacidade auditiva e intelectual.
● V edición do programa XQN para familias, accesible e inclusivo, da Asociación Por Que no Ayudar. Un programa de apoio e aprendizaxe en valores sociais dirixido a familias, cun enfoque inclusivo e de cohesión social.
● IX Encontro Internacional Acampa 2025, da Asociación Sociocultural Acampa. Un espazo de reflexión e sensibilización sobre Dereitos Humanos e Dereito ao Refuxio.
● Tempo para soñar, da Asociación Cultural para a Integración Social Diversos. Un proxecto de intervención socioemocional dirixido a persoas con discapacidade, ofrecendo un espazo de escoita e desenvolvemento persoal.
● Cultura Atlántica 2024-2025, da Asociación Xuvenil Atlántica. Este proxecto conta con diferentes iniciativas culturais e artísticas nas que se fomentan os valores da diversidade e da igualdade desde un punto de vista universal.
Unha rede de colaboración para unha cultura máis inclusiva
A novena convocatoria de Cultura Accesible e Inclusiva conta cunha ampla rede de colaboracións entre as entidades beneficiarias e diversas asociacións sociais e culturais. A través destas sinerxías, os proxectos gañan alcance e impacto, garantindo que a cultura chegue a aqueles colectivos que máis o precisan.
Entre as asociacións colaboradoras atópanse: Acopros, Adacedo, Adafad, Afaco, Aind, Apem, Artefíos, Asociación Párkinson Galicia, Asperga, Aspronaga, CAPD, Cáritas Interparroquial de A Coruña, Casco, Centro de Menores San José de Calasanz, Centro de Reducción Concepción Arenal, Centro Penitenciario de Teixeiro, Centro Residencial de Arteixo, Clece Vitam Bastiagueiro, Down Coruña, FAXPG, Fundación Adcor, Fundación Amigó, Fundación Camiña Social, Fundación Ingada, Fundación Pascual Veiga, Hogar Santa Lucía, Hogar Sor Eusebia, Liga Reumatolóxica Galega, Mundo Sen Guerra e Sen Violencia – A Coruña, ONCE, ONGD Senvalos, Os Nosos Lares, Residencia de Maiores Portazgo, Residencia La Milagrosa, Residencias DomusVi Matogrande e Yarama África.
A implicación destas entidades permite que os proxectos beneficiarios traballen con persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, menores en situación de vulnerabilidade, persoas maiores ou con enfermidades neurodexenerativas, entre outros colectivos.
Un programa que fai cidade
Desde o seu inicio en 2016, o programa Cultura Accesible e Inclusiva destinou máis de 700.000 euros para financiar proxectos que favorecen a integración social a través da cultura. Este esforzo foi posible grazas á implicación de patrocinadores como Vegalsa-Eroski e a Fundación María José Jove, que desde a primeira edición contribuíron ao crecemento do programa e a súa consolidación como referente na inclusión social na cidade.
Ao longo as súas oito últimas edicións, máis de 35.000 persoas participaron nos máis de 100 proxectos desenvolvidos por entidades culturais coruñesas. Todas estas iniciativas teñen en común a vocación de traballar pola inclusión de colectivos socialmente discriminados, ofrecéndolles espazos culturais seguros e os medios para mellorar o seu benestar e desenvolvemento persoal.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.